A Feira da Sidra da Estrada incorpora este ano, na súa décimo terceira edición, unha importante novidade coa creación de Son de Lagar, unha cita musical que se celebrará na noite previa ao evento e que nace coa vontade de consolidarse como a antesala cultural e festiva da que se está a converter nunha das celebracións máis emblemáticas do calendario estradense.
Deste xeito, a estrea do Son de Lagar será este venres, 5 de xuño, a partires das 22.30 horas e na Praza da Constitución, no escenario situado a carón da carpa na que se celebrará -o sábado- a feira da sidra. A iniciativa busca ofrecer ao público unha proposta musical diversa e de calidade para abrir unha fin de semana marcada pola promoción da tradición sidreira destas terras, da gastronomía e da convivencia a pé de rúa.
O alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, destacou que esta antesala musical concebiuse co obxectivo de “dar unha maior dimensión á Feira da Sidra” e de converter a noite previa á celebración nun espazo de encontro arredor da música e da cultura. Neste sentido, o rexedor quixo agradecer publicamente a implicación do Xacobeo para facer posible esta primeira edición e subliñou a vocación de continuidade dunha proposta chamada a consolidarse dentro da programación da feira.
O cartel desta primeira edición estará formado por Kid Mount (Xinzo de Limia), un dos nomes con maior proxección da nova música urbana galega, pioneiro na incorporación do galego a sonoridades como o reggaeton, o electrolatino e a electrónica contemporánea.
O Son de Lagar contará tamén con Ünder & Diego Flâneur. Son dous artistas lucenses cunha proposta que camiña por diversos xéneros, vertentes e ritmos, con influencia do hip-hop. Por medio de referencias culturais heteroxéneas extraídas do cine, do mundo da arte ou da propia música, crean un imaxinario amplo con temáticas variadas.
Estará tamén nestes concertos o aclamado Kike Varela, DJ e produtor galego cunha destacada traxectoria nacional e internacional, que chegou a compartir escenario con algunhas das principais figuras da música electrónica mundial.