A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou este mañá Toedo para presentar os detalles da ruta peonil e ciclista na PO-841. Estivo acompañada polo alcalde estradense, Gonzalo Louzao Dono, e os concelleiros Amalia Goldar, Manuel Magariños e Mari Carmen Durán, nun acto que contou tamén coa presenza de veciños da contorna.
A Xunta lanzou hoxe mesmo a licitación desta senda, de preto de 2,4 quilómetros e cun orzamento de 1,1 millóns de euros. As empresas poderán presentar ofertas ata o vindeiro 22 de xuño e o prazo de execución das obras será de 12 meses.
A construción desta senda na PO-841 leva aparelladas outras actuacións como a colocación de pavimento podotáctil nos extremos (para indicar o final da mesma). Tamén nas paradas de autobús e nos pasos de peóns (para advertir a posibilidade de cruzamento con seguridade), instalarase pavimento táctil indicador de advertencia ou proximidade a puntos de perigo.
As obras incluirán así mesmo a execución de dúas estruturas de formigón prefabricado no lugar en que a senda cruza con dous leitos. Estas novas estruturas realizaranse en paralelo ás existentes, coa finalidade de ampliar a plataforma e gañar espazo suficiente para a execución desta senda.
Ademais, debido á diferencia de nivel entre varias parcelas da zona de actuación coa estrada, proxéctanse uns muros de perpiaños para posibilitar a correcta execución da senda. Tamén se levarán a cabo actuacións complementarias como a adaptación da rede de drenaxe á nova sección transversal da vía, a execución de canalización para comunicacións baixo a senda e a mellora da sinalización.