Eclipse 12 de Agosto de 2026

Concello · 29 de abril de 2026

O eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026 verase desde A Estrada cun 99,88 % de oscurecemento

O municipio pontevedrés con maior número de núcleos rurais de España situarase case exactamente no límite sur da banda de totalidade, ofrecendo un espectáculo astronómico único que non se repetirá ata dentro de décadas.

O trío ibérico · 2026 · 2027 · 2028

Tres grandes eclipses en menos de tres anos

A Península Ibérica vivirá nos próximos anos un acontecemento astronómico extraordinario e irrepetible a escala humana: tres grandes eclipses solares en menos de tres anos. Esta converxencia excepcional converterá Galicia e España nun dos lugares máis privilexiados do mundo para a observación do fenómeno.

O primeiro, e o máis impactante para o norte de Galicia e a cornixa cantábrica, é o eclipse total de Sol do 12 de agosto de 2026. O segundo, o eclipse total do 2 de agosto de 2027, percorrerá o sur da península e o norte de África. O terceiro, o eclipse anular do 26 de xaneiro de 2028, cruzará o Mediterráneo.

Mapa das traxectorias dos tres eclipses solares 2026–2028 sobre a Península Ibérica
As traxectorias dos tres eclipses sobre a Península Ibérica (2026–2028). En laranxa, os dous eclipses totais; en verde, o eclipse anular. Fonte: OAN / IGN.
O eclipse solar total do 12 de agosto de 2026

Un evento de alcance mundial

O 12 de agosto de 2026, a sombra da Lúa percorrerá a superficie terrestre desde o Ártico ata o Atlántico Norte, atravesando Groenlandia, Islandia e o norte da Península Ibérica nunha banda de entre 200 e 300 quilómetros de ancho. A totalidade alcanzará a súa máxima duración sobre o océano, cun rexistro de arredor dun minuto e medio. Na Península, a banda de totalidade cruzará o norte de Galicia, Asturias, Cantabria e o País Vasco.

Animación do movemento da umbra e a penumbra sobre a Terra
Animación do movemento da umbra e a penumbra sobre a Terra durante o eclipse do 12 de agosto de 2026. Fonte: NASA · sunearth.gsfc.nasa.gov/eclipse

Duración da totalidade e oscurecemento en España

O mapa elaborado polo Observatorio Astronómico Nacional (OAN) do Instituto Geográfico Nacional (IGN) amosa con detalle dous parámetros clave para cada punto da Península: a duración máxima da totalidade (liñas amarelas, en minutos e segundos) dentro da banda de umbra, e a porcentaxe de oscurecemento (liñas grises) para as zonas que quedan fóra da totalidade. Grazas a este mapa, cada municipio pode coñecer que eclipse lle corresponde experimentar.

Mapa da duración da totalidade e porcentaxe de oscurecemento en España
Duración da totalidade e porcentaxe de oscurecemento do eclipse do 12 de agosto de 2026. Fonte: Observatorio Astronómico Nacional (OAN) · Instituto Geográfico Nacional (IGN).

Animación das fases completas

A continuación, unha animación elaborada polo Observatorio Astronómico Nacional permite visualizar a evolución completa do eclipse no ceo, desde o primeiro contacto ata o final.

Animación das fases completas do eclipse do 12 de agosto de 2026. Fonte: OAN / IGN.
O eclipse na Estrada · Datos locais precisos

Practicamente total: 99,88 % de oscurecemento

Aínda que A Estrada se atopa xusto fóra da banda de totalidade —a uns poucos quilómetros ao sur do seu límite—, o eclipse que se verá desde o municipio será dun extraordinario 99,88 % de oscurecemento. Na práctica, isto significa que o Sol quedará cuberto case completamente, o ceo escurecerá de forma notable, as temperaturas baixarán e poderán aparecer as estrelas máis brillantes. Será un fenómeno visual inesquecible.

O cálculo detallado para A Estrada foi realizado polo Observatorio Astronómico Nacional, utilizando as coordenadas precisas do municipio (latitude 42° 41′ 18,67″ N, lonxitude 8° 29′ 20,47″ O, altitude 297 m).

O Sol estará relativamente baixo no horizonte oeste (a 11,7° de altitude) no momento do máximo, o que engadirá un efecto visual espectacular: a escena do eclipse producirase cun Sol de cor alaranxada a punto de poñerse, coa penumbra máxima recortada sobre o horizonte. Para a observación será fundamental ter o horizonte oeste despexado.

Secuencia das fases do eclipse vistas dende A Estrada (Pontevedra)
Secuencia das fases do eclipse solar do 12 de agosto de 2026 vistas dende A Estrada (Pontevedra). Cálculos realizados polo Observatorio Astronómico Nacional. Fonte: OAN / IGN.

Horarios do eclipse na Estrada

Fase Detalle Hora oficial
Inicio do eclipse Primeiro contacto 19:32 h
Máximo 99,88 % de oscurecemento 20:29 h
Final do eclipse Último contacto 21:23 h

Ficha técnica · A Estrada

Coordenadas
42° 41′ 18,67″ N · 8° 29′ 20,47″ O
Altitude
297 m
Oscurecemento máximo
99,88 %
Hora do máximo
20:29 h (hora oficial peninsular)
Altura do Sol no máximo
11,7°
Acimut do Sol no máximo
279,4°
Duración total do eclipse
1 h 50,9 min

Consulta as circunstancias exactas no teu lugar

Para coñecer con detalle os datos locais en calquera punto de Galicia —horarios exactos ao segundo, duración da totalidade se se está na banda, oscurecemento preciso— está dispoñible o mapa interactivo de Xavier Jubier, astrónomo afeccionado de recoñecido prestixio internacional que mantén esta ferramenta de cálculo gratuíta para todas as eclipses.

Observación segura · Protección ocular

Como ver o eclipse sen risco para os ollos

Importante

Nunca mires directamente ao Sol sen protección adecuada, nin durante a fase parcial do eclipse. Desde A Estrada, ao non producirse a totalidade completa, os filtros deben manterse en todo momento. Usa unicamente gafas homologadas de eclipse (filtro ISO 12312-2).

O Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades publicou unha guía completa sobre seguridade ocular durante a observación de eclipses, con indicacións sobre os tipos de filtros homologados, distancias seguras e recomendacións para persoas con patoloxías oculares.

Para quen non dispoña de gafas especiais, a NASA explica nunha sinxela guía en vídeo como construír un proxector estenopeico caseiro con cartón e papel de aluminio, que permite ver a imaxe do eclipse proxectada de forma totalmente segura.

Como construír un proxector estenopeico caseiro para observar o eclipse de forma segura. Fonte: NASA.

Consello práctico para o eclipse do 12 de agosto

Mañá xoves 30 de abril, ao redor das 20:30 h, o Sol estará xusto na mesma posición no ceo que estará o día do eclipse. Aproveitade para buscar un bo lugar de observación: se dende ese punto vedes o Sol libre de obstáculos —sen edificios, árbores nin montañas tapando o horizonte oeste— teredes o sitio perfecto para gozar do eclipse do 12 de agosto.

⚠️ Lembrade nunca mirar o Sol directamente sen protección homologada.

Máis información e recursos

O 23 de abril tivemos o pracer de contar no noso Parladoiro co estradense Manuel Andrade, profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e coordinador do grupo OARMA de Astrofísica e Astronomía do Departamento de Matemática Aplicada. Ao remate da charla, Manuel Andrade tivo a xenerosidade de cedernos todos os materiais da súa presentación para que os veciños e veciñas do municipio poidan dispoñer de todo o que necesitan saber sobre o eclipse do 12 de agosto. Dende o Concello só nos queda agradecerlle e aproveitar a ocasión para achegarvos este material de primeira man.

Scroll ao inicio
Ir o contido