O que foi medalla de prata nos Xogos Olímpicos de 1984 e xogador do Real Madrid de baloncesto entre os anos 1976 e 1993, Fernando Romay Pereiro, será o pregoeiro da LII Festa do Salmón da Estrada. Recibirá, ademais, unha das insignias Salmón de Ouro nun acto institucional, público e aberto que se celebrará no Teatro Principal o vindeiro 17 de maio. Compartirán con el a máxima distinción que outorga o Concello da Estrada a exalcaldesa Elvira Fernández, os estradenses Darío Loureiro e Ariadna Silva (ámbolos dous galardoados nos Premios Mestre Mateo) e a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
O alcalde, Gonzlo Louzao Dono, foi e encargado de desvelar os nomes do pregoeiro e das persoas que serán distinguidas nunha Festa do Salmón que este ano acada a súa 52ª edición. Apuntou o dirixente que a elección de Fernando Romay como pregoeiro responde a que a súa traxectoria deportiva e humana conecta de maneira simbólica cos valores que representa este peixe tan emblemático para A Estrada, así como a propia festa.
“O salmón é moito máis ca un produto gastronómico: é un símbolo de perseveranza, esforzo, superación e regreso ás orixes. A nosa festa está dedicada a animal capaz de percorrer miles de quilómetros e remontar o río contra corrente para cumprir o seu ciclo vital. É unha metáfora perfecta da constancia e da loita”, subliñou o mandatario, para logo engadir: “Un deportista como Fernando Romay representa eses mesmos valores”.
Nado na Coruña, Fernando Romay obtivo sete títulos de Liga co Real Madrid, cinco Copas do Rei ou dúas Copa de Europa, entre outros moitos títulos. Xogou na Selección Española de Baloncesto, coa que conseguiu a medalla de prata nas Olimpíadas de 1984 (Los Ángeles) e, previamente, participou nos Xogos Olímpicos de 1980 (Moscova), en tres Mundobasket e catro Eurobasket. No ano 1998 recibiu a Medalla de Prata de Galicia e a Medalla de Ouro ao Mérito Deportivo, ingresando en 2023 no Hall of Fame do baloncesto español. Nos últimos anos destaca tamén pola súa faceta televisiva, con participación en múltiples programas.
Despois do pregón, Romay recibirá o Salmón de Ouro, unha distinción que este ano recaerá tamén en:
- Elvira Fernández Díaz. Foi alcaldesa da Estrada entre 1987 e 1991, converténdose na primeira, e ata o de agora única, muller en ocupar este cargo no municipio. Foi, ademais, a primeira muller en ocupar un escano na Deputación de Pontevedra, baixo a presidencia de Mariano Rajoy. Foi tamén senadora e deputada no Congreso. Natural de Becerreá, estudou Maxisterio e foi funcionaria da Xunta de Galicia como axente de Extensión Agraria, posto que a trouxo á Estrada.
- Darío Loureiro Carbia. Este estradense recibiu en 2025 o Premio Mestre Mateo á Mallor Interpretación Masculina polo seu papel na serie “Rapa”. Malia que é natural de Teo, o actor ten unha profunda vinculación coa Estrada. É saxofonista da Banda de Música Municipal da Estrada. A súa carreira atesoura múltiples papeis en cine, televisión e curtametraxes.
- Ariadna Silva Fernández. Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universitat Oberta de Catalunya, Máster en Fotografía Artística e Documental pola Escuela TAI e Máster en Servizos Culturais pola Universidade de Santiago de Compostela. Recibiu o Mestre Mateo este ano por “360 curvas”. Este traballo audiovisual segue o ronsel doutros fotográficos como “Fillos do vento”, “Friccións” ou “Cartografía do esquecemento”.
- Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp). Foi creada na Estrada en 1992, sendo un organismo autónomo de carácter administrativo, cuxa finalidade era a de desenvolver actividades formativas destinadas á formación profesional dos corpos de Policía Local dos concellos de Galicia.
- Desde finais do ano 2015, impulsou un novo horizonte formativo ampliando principalmente a entrada de novos colectivos e asumindo novas competencias ligadas aos seus fins. Deste xeito, no ámbito da seguridade, existe un convenio co Ministerio do Interior para a formación, ademais dos colectivos históricos como o da Policía Local e Policía Autonómica (UPA), dos da Policía Nacional, Garda Civil que exercen as súas funcións na Comunidade Autónoma de Galicia en todas aquelas actividades que de mutuo acordo desexan realizar.
- Na Agasp tamén se imparte formación para os profesionais do ámbito das Emerxencias e do eido Xudicial. A maiores, a academia centraliza os procesos de selección da Policía Local. Centro formativo de referencia, vencella o seu nome ao da Estrada e a entidade forma parte do día a día dos estradenses, converténdose nun dinamizador socioeconómico.
O pregón e a imposición de insignias Salmón de Ouro protagonizarán a parte máis institucional da festa, que arrancará ás 12.00 horas no Teatro Principal.