Os Arrieiriños, chega a segunda edición do festival pop-rock infantil de Galicia

A concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane, presentou esta mañá a segunda edición do Festival dos Arrieiriños, que se celebrará na Estrada o vindeiro sábado 23 de maio, a partires das 17.30 horas. O Concello da Estrada mantén así a súa aposta polo primeiro festival de pop-rock galego pensado especialmente para público infantil e familiar. Unha tarde chea de música, teatro e diversión para compartir cos máis pequenos e pequenas.

PROGRAMACIÓN
  • 17:30 h — Concerto de Paco Nogueiras

Autor de espectáculos musicais de grande éxito como Radio Bule Bule ou Brinca Vai!, leva máis de medio milleiro de actuacións por toda Galicia. Este músico e actor formou parte de compañías como Els Comediants e Os Quinquilláns, ademais de colaborar en campañas de animación lectora coa editorial Kalandraka.

  • 18:30 h — Musical La Gran Aventura del Pollo Pepe / Sketch Eventos

Un dos musicais infantís máis exitosos do Estado chega a Galicia baseado nas aventuras de Pollo Pepe, protagonista dun fenómeno editorial con máis de dous millóns de exemplares vendidos.

Un espectáculo con puppets a tamaño real, pantallas LED, cancións e coreografías participativas que farán vivir unha emocionante aventura na procura da súa nai desaparecida.

  • 19:30 h — Concerto tributo Lembra Xabarín

Unha viaxe musical e emocional polos clásicos do Xabarín Club para cantar e bailar en galego ao ritmo de bandas míticas como Heredeiros da Crus, Aeroliñas Federais, Os Diplomáticos de Monte-Alto, Victor Coyote, Blood Filloas, A Marabunta e Sinistro Total.

Un concerto para cantar, bailar e rememorar o legado cultural que marcou a varias xeracións.

O festival estará conducido pola actriz e comunicadora Neves Rodríguez, presentadora de Radio Estrada. Participou en series como Rías Baixas e Serramoura, en programas como Luar e foi condutora de Desde Galicia para el Mundo, ademais de traballar na TVG e na TVE Internacional.

Espazo familiar

Durante toda a tarde haberá:

-Zona de merenda para os máis cativos.

-Postos de bebidas e chuches.

-Animación e ambientación con globos.

 

 

Scroll ao inicio
Ir o contido