Un tardeo amenizado pola orquestra París de Noia encargarase de estrear, o vindeiro 17 de maio, unha xa peonil Praza de Galicia durante a celebración da Festa do Salmón, o evento gastronómico por excelencia no Concello da Estrada, con máis de medio século de traxectoria. Así o anunciou o alcalde, Gonzalo Louzao, que confirmou a decisión do goberno que encabeza de manter o formato que se imprimiu a esta cita na súa pasada edición.
Neste senso, o rexedor apuntou que a Festa do Salmón manterá o cambio de localización que se lle deu na convocatoria de 2025 e volverá a apostar pola Praza da Constitución como espazo para a degustación popular do prato protagonista. Louzao Dono puxo o acento en que este cambio “tivo moi boa acollida por parte da cidadanía”. “A proximidade entre as distintas partes que compoñen esta festa e a variedade de propostas incidiron en que a pasada edición, aquela 50+1, resultase un éxito”, valorou o alcalde.
Despois de apuntar que nas vindeiras semanas se dará a coñecer o nome da persoa escollida para pronunciar o pregón e daqueles que recibirán a insignia Salmón de Ouro (o máximo recoñecemento que outorga o Concello da Estrada), Gonzalo Louzao sinalou que o cambio que se adoptou na pasada edición busca de novo para este ano a implicación da hostalería local. “Esta festa non tería sentido nin existiría se non fora polo empuxe que lle ofreceron os hostaleiros”, dixo o mandatario local, antes de engadir: “estamos moi contentos da resposta do sector en 2025; o retorno foi moi positivo, pola cantidade e a calidade das racións, e agardamos que este ano se repitan os bos resultados”.
Nun ano no que a Festa do Salmón coincide co Día das Letras Galegas, o 17 de maio será unha xornada intensa de celebración. Despois do pregón e a degustación popular, esta última baixo a carpa de gran formato que se estreará na Praza da Constitución dous días antes (15 de maio), as últimas horas da tarde terán como protagonista outro espazo: a Praza de Galicia.
Será coa actuación da orquestra París de Noia, que se converterá na primeira en actuar neste novo espazo urbano, xa totalmente peonil. “Xa estará rematada para esa data”, apuntou o alcalde estradense, en alusión á obra de reforma e peonalización actualmente en marcha no corazón do casco urbano.
A París de Noia repetirá no tardeo do Salmón, unha experiencia que se puxo en marcha o ano pasado, apostando tamén polo tirón que ten entre o público esta recoñecida orquestra. Nunha festa que tradicionalmente se concentraba nas horas do mediodía e esmorecía coa chegada da tarde, esta iniciativa tivo gran aceptación e a asistencia foi masiva. En 2025 a actuación arrancou ás 20.00 horas. O horario deste ano confirmarase proximamente.