O Concello da Estrada desvelou a primeira das actividades culturais que se inclúen na gran carpa que quedará instalada na Praza da Constitución entre a Festa do Salmón e a Feira da Sidra. Da man do plan +Música da Deputación de Pontevedra, o artista Mondra encargarase de ofrecer un concerto programado na antesala da celebración das Letras Galegas, que este ano coincide coa principal festa gastronómica estradense.
O artista, cantareiro e bailador actuará, pois, o sábado 16 de maio aos pés do consistorio estradense, na véspera da Festa do Salmón. Mondra é un dos nomes máis sobranceiros da escena musical do país e visitará a capital estradense despois de ofrecer o seu primeiro concerto no municipio o pasado ano, no marco do festival Folk de Raíz de Callobre.
Co seu álbum debut, titulado “Ardēn” (Altafonte, 2023), Mondra acadou o recoñecemento unánime de público e crítica. No mes de maio de 2025 lanza o seu segundo traballo discográfico, “De Ronda” (Altafonte, 2025), un álbum persoal e irreverente, “para seducir ou ser seducido”, da man de Hevi (Laboratorio Soyuz).
Entre os anos 2023 e 2024, o artista realizou máis de oitenta concertos dentro e fóra da xeografía galega coa súa “Folīa das Ardentes”, moi aclamada polo público. Da mesma maneira, en 2025, “A Ronda” seguiu enchendo os escenarios cun espectáculo no que a música, o corpo e a escena dialogan coa tradición para resignificala desde o presente. A xira 2026 da “Ronda” levará o espectáculo de Mondra de novo por toda a xeografía galega e do resto do Estado.
No haber de recoñecementos, Mondra foi distinguido con múltiples galardóns, entre eles o Premio Martín Códax ao Mellor Álbum de Electrónica 2024 por “Ardēn”, o Premio Mestre Mateo ao Mellor Videoclip 2025 por “Marimondra” ou o Premio aRi[t]mar á Mellor Música do 2024 na Galiza polo seu tema “Quererse ben”.
Aínda que a programación neste gran catalizador e dinamizador da programación cultural a pé de rúa que será a carpa de gran formato coa que A Estrada volverá a contar entre o Salmón e Sidra arrancará xa o venres 15 de maio, a actuación de Mondra ten un significado moi especial por seren a antesala para a emblemática Festa do Salmón e a conmemoración das Letras Galegas. A hora de arranque da actuación está pendente de confirmar.