“Paio e o Gatipedro” gaña o Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado

“Paio e o Gatipedro”. É o título da obra gañadora da sexta edición do Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado. O xurado encargado de fallar este galardón literario, promovido polo Concello da Estrada, escolleu por unanimidade a peza presentada por Milagros Torrado Cespón e Laura Pérez Delgado de entre as 18 obras que se presentaron ao certame nesta convocatoria.

O xurado estivo conformado por Paula Carballeira Cabana, Mariano Casas Gil, Sara Valcárcel Maceira, Armando Requeixo Cuba e Rosa María Herraiz Cabanas, exercendo como secretaria.

Despois de valorar os orixinais presentados e de levar a cabo distintas seleccións e contraste de opinións, decidiron por unanimidade conceder o Premio Alberte Quiñoi á obra que se presentou baixo o pseudónimo “Roquets”. Unha vez aberta a plica, esta resultou ser da autoría de Milagros Torrado Cespón (autora do texto e do Barbanza) e Laura Pérez Delgado (ilustradora madrileña). Como queda avanzado, a obra será titulada “Paio e o Gatipedro”.

Tradición oral

O xurado quixo destacar neste álbum ilustrado a súa “capacidade para poñer no centro o folclore galego, facendo protagonista ao Gatipedro”. “Rescata elementos da tradición oral galega para contar unha historia tenra, envolta nun mundo de ensoñación, contada cunha linguaxe propia”, indicaron.

Sinalan tamén que a peza, que leva no título o nome do patrón estradense e ten unha historia moi tenra detrás, está especialmente dirixida aos máis pequenos, “pensada para compartir en familia, arroupando os afectos”. Destacaron asemade a súa estética coidada, “cunha excelente paleta de cor, na que historia e imaxe camiñan da man”. “Unha proposta que nos convida a soñar e acompañar a Paio na súa procura”, rematan.

O álbum gañador será publicado nos vindeiros meses pola Editoral Galaxia. A maiores, o premio conta cunha dotación económica de 4.000 euros.

Scroll ao inicio
Ir o contido