Xanela, a nova galería virtual das artes estradenses

O Concello da Estrada presentou hoxe unha nova iniciativa baixo o paraugas da Fundación Cultural da Estrada. Trátase de Xanela, un novo espazo para dar visibilidade ao talento creativo que existe na Estrada.

Tal e como explicou hoxe a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, Xanela é unha fiestra aberta á arte con ADN estradense. Un lugar desde o que calquera persoa pode asomarse para descubrir a riqueza artística do noso territorio: pintores, escultores, ilustradores, fotógrafos ou creadores doutras disciplinas que, co seu traballo, contribúen a construír e enriquecer o noso patrimonio cultural.

Este proxecto xorde cun dobre obxectivo. Por unha banda, dar visibilidade aos artistas da Estrada, ofrecéndolles un espazo onde mostrar a súa obra e a súa traxectoria. E, por outra, preservar e documentar a memoria artística do municipio, creando un arquivo dixital que permita conservar e transmitir este legado ás xeracións futuras.

A través desta galería virtual, cada artista contará cun perfil no que se recolle a súa biografía, a súa traxectoria e unha selección das súas obras. Deste xeito, non só coñeceremos o seu traballo, senón tamén a historia, as influencias e o contexto que hai detrás de cada creación.

Seoane recoñeceu públicamente o traballo realizado por Sofía Fernández Lustres, alumna do grao en Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela, que desenvolveu boa parte deste proxecto durante o seu período de prácticas externas. “Grazas ao seu traballo de investigación, de contacto cos artistas e de recompilación de información e materiais, foi posible dar forma a esta iniciativa”, dixo. Agradeceu tamén o soporte técnico fundamental ofrecido por AEstradaDixital, representada hoxe polo xerente, Diego Pernas.

Á presentación de Xanela acudiron tamén os pintores Ramiro Cimadevila e Teresa Bascuas, así como Pedro Pérez, realizador dos vídeos de entrevista aloxados nesta galería virtual.

Pode accederse a Xanela a través da galería virtual existente no portal municipal ou a través do seguinte enlace:

 axanela.aestrada.gal

Scroll ao inicio
Ir o contido