Programación para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller

A programación municipal centrada na conmemoración do 8 de marzo como Día Internacional da Muller está, como cada ano, protagonizada pola entrega do Premio Honorífico ao Labor das Mulleres, que nesta edición recaerá nas irmás estradenses Pili, Ana e Marga Porto Carballo, do restaurante e hostal A Bombilla. A maiores, os departamentos de Cultura e Servizos Sociais suman a este acto dúas propostas culturais nas que o feminismo está latente.

A primeira delas chegará este sábado, 7 de marzo, ao Teatro Principal. Será cun pase ás 20.00 horas e da man de Bengala Teatro Físico. Cun elenco conformado por Adrea Maseda, Estrella Tomé, Estela del Río e Alexia Villar, “Alicia wants to” é un drama contemporáneo no que se mestura realismo máxico e crueza social.

A peza conta a historia de Alicia, unha adolescente que sufre problemas coas drogas e unha posible situación de abuso. O espectáculo comeza no momento no que Alicia é expulsada dun centro de menores e se reencontra con Juana, súa nai. Ambas son mulleres da marxe, da fronteira, do borde, que tratan de sobrevivir nunha sociedade atravesada pola exclusión social, os abusos, a pobreza e un sistema xudicial que non protexe a todos por igual.

A Concellería de Cultura encadra tamén na programación polo 8M o recital e presentación do libro de Francisco Castro “La oración del mal”, previsto para o xoves 12 de marzo, ás 20.00 horas, no Principal. Terá entrada gratuíta, con retirada de convites no Concello.

O polifacético artista vigués Francisco Castro charlará co estradense Pablo Chichas sobre o seu último libro (“La oración del mal”) e tocará temas do seu novo disco “Cantos de amor e revolución”, na compaña do percusionista Valerio Araújo.

Entrega do premio

Antes disto, este domingo -polo tanto no mesmo 8 de marzo- o Concello da Estrada realizará a entrega do Premio Honorífico ao Labor das Mulleres. Será cun acto de acceso libre e aberto que arrancará ás 19.00 horas no MOME e que estará conducido pola xornalista estradense Laura Filloy Martínez.

Nel intervirán a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Marga de la Calle, a edil de Servizos Sociais, Amalia Goldar, e as premiadas, con peche a cargo do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono.

Scroll ao inicio
Ir o contido