O Concello da Estrada comeza o reparto das tarxetas necesarias para a apertura do colector marrón, destinado en exclusiva á recollida de residuos orgánicos. A expansión destes contedores realizarase de maneira progresiva en función da demanda veciñal, coa previsión de instalar un total de 60 unidades nas illas de colectores distribuídas polo casco urbano.
O colector marrón (a quinta fracción) chegou á Estrada a mediados do pasado mes de decembro e nestes momentos están activos 10 puntos de depósito, situados en contornas con grandes produtores de orgánica. Estes contedores permanecen pechados e só poden abrirse mediante tarxeta, co obxectivo de fomentar unha correcta separación dos residuos e reforzar a concienciación cidadá.
Campaña informativa os mércores
Dende este mércores reforzarase a campaña informativa coincidindo cos días de feira. Os mércores, xunto á Sala Abanca, e os sábados, na Praza do Mercado, en horario de 10.30 a 13.30 horas, instalarase un posto no que as persoas interesadas poderán informarse sobre o funcionamento do quinto colector, rexistrarse no programa e recoller a súa tarxeta de apertura.
O concelleiro de Servizos Municipais, Óscar Durán, subliñou a importancia da implicación cidadá neste proxecto, salientando que o obxectivo é avanzar cara a un municipio máis sostible coa participación activa das familias.
Porta a porta cos grandes produtores
En paralelo, desenvolverase unha campaña informativa porta a porta dirixida a establecementos hostaleiros e comerciais considerados grandes produtores de residuos orgánicos, co fin de facilitar a súa incorporación ao servizo e facer entrega das correspondentes tarxetas a aqueles negocios que decidan sumarse á iniciativa.
Na actualidade, os colectores marróns están localizados na Avenida de Pontevedra, Avenida de Santiago, Avenida de Benito Vigo, Avenida de Vigo, Rúa Iryda, Praza de Abastos, Rúa Gradín, Rúa Leicures e Rúa 56, en puntos próximos a supermercados, restaurantes e outros establecementos con elevada produción de residuos orgánicos.
Que vai ao marrón?
No colector marrón deben depositarse exclusivamente restos orgánicos como froita e verdura, carne e peixe, cunchas de marisco e froitos secos, pan, pos de café e infusións, papel de cociña usado, restos de plantas ou cortizas. Non deben introducirse envases, cueiros, compresas, bastóns de algodón, plásticos nin ningún outro residuo non orgánico.
Compostaxe
Paralelamente á implantación do quinto colector, o Concello puxo en marcha unha campaña de compostaxe doméstica dirixida a vivendas unifamiliares. Xa se iniciou a distribución de 500 composteiros de 400 litros de capacidade, acompañados dun kit que inclúe aireador, cubo pechado para a recollida e transporte de residuos orgánicos, rede antirroedores e manual impreso. Ao longo de 2026 incorporaranse 100 novas unidades.
As persoas interesadas en dispoñer dun composteiro poden solicitalo chamando ao 986 570 030 (extensión 6 – Alcaldía), a través da solicitude en liña ou acudindo ao propio posto informativo. No caso de esgotarse as unidades dispoñibles, establecerase unha lista de agarda para as novas incorporacións.