A Estrada celebra o Día de Rosalía

Dende hai 9 anos o Concello da Estrada conmemora o 23 de febreiro como Día de Rosalía cun acto público para celebrar o aniversario do nacemento desta escritora, referente universal da cultura galega. Neste 2026 serán os alumnos de catro escolas infantís estradenses os que protagonicen este vídeo, apostando por incorporar a este segmento poboacional tan novo no legado e tributo que se lle rende á autora de Cantares Gallegos.

Os actos do Día de Rosalía na Estrada desenvolveranse este ano o propio 23 de febreiro. Deste xeito, o Teatro Principal acollerá o vindeiro luns, ás 20.00 horas, un evento aberto ao que están convidados os 10 centros educativos de Primaria e Secundaria existentes no municipio estradense e as catro escolas infantís, protagonistas este ano do traballo audiovisual que conmemorará esta data: a Escola Infantil Municipal, o centro da rede A Galiña Azul, Elfos e a escola Undoustres.

A actividade consistirá no recitado de dous poemas de Rosalía por cada colexio e instituto, pasando logo á proxección do vídeo elaborado por Tres Insuas. Despois desta estrea, como é costume, o traballo estará subido á canle de YouTube e ás redes sociais do Concello da Estrada, ademais de seren aloxado na páxina web municipal.

Scroll ao inicio
Ir o contido