O Concello da Estrada abriu hoxe o prazo para a presentación de candidaturas ao seu Premio Honorífico ao Labor das Mullleres, organizado polo Centro de Información á Muller (CIM) municipal e co obxectivo de recoñecer o labor e traxectoria daquelas mulleres da Estrada que, de xeito individual ou colectivo, ben a través de entidades públicas ou privadas, teñan contribuído ao longo dos anos ao apoderamento da muller.
As candidaturas poden presentarse ata o vindeiro 20 de febreiro.
Dende a concellería que dirixe Amalia Goldar animouse hoxe á cidadanía á presentar as súas candidaturas. Poderán ser candidatas todas aquelas mulleres que nacesen, residisen ou residan na Estrada e que desenvolvan aquí a súa actividade social, empresarial ou cultural. Tamén poden selo todas aquelas entidades públicas ou privadas, empresas ou asociacións que desenvolveran ou veñan desenvolvendo a súa actividade social, empresarial ou cultural na Estrada.
Tres vías
Existen tres formas de presentar candidaturas: por proposta dalgún dos membros do xurado; por iniciativa propia ou a instancia de terceiros no Rexistro Central do Concello da Estrada ou por valoración de candidaturas que non resultaran premiadas en convocatorias previas.
O xurado estará composto por persoas representativas procedentes dos ámbitos da igualdade de oportunidades, do mundo empresarial, cultural e institucional da Estrada. Nel estarán integrada a titular de Benestar Social, Amalia Goldar, a concelleira de Cultura, Lucía Seoane, un representante de cada grupo político da oposición municipal, un representante dunha asociación empresarial, comercial ou hostaleira por sorteo e un representante sindical, tamén por sorteo. Tamén formarán parte del unha persoa do eido cultural elixido por consenso e unha representantes das asociacións de mulleres, escollida por sorteo entre as rexistradas no municipio. A directora do CIM, Magarita de la Calle, actuará en calidade de secretaria.
O xurado manterá unha reunión entre o día 1 e o 7 de marzo para emitir o seu fallo, que se adoptará por maioría simple e inapelable. O premio entregarase nun acto público programado o domingo 8 marzo, as 19.00 horas, no MOME.
O premio constará dun recoñecemento simbólico mediante a entrega dunha escultura conmemorativa a unha única persoa ou entidade galardoada e sen dotación económica.
Entre os criterios que valorará o xurado para a elección figuran a traxectoria persoal, empresarial ou social das candidatas; os puntos relevantes de dita traxectoria; a repercusión e pegada do seu labor entre a cidadanía ou a visibilización de mulleres que desenvolvesen actividades que promovan o apoderamento dentro do ámbito da igualdade.
Velaquí o documento para participar con propostas: