Imagen Cabecera Común

Xunta de Galicia convoca axudas para apoiar iniciativas de emprendemento

CONSELLERÍA DE EMPREGO, COMERCIO E EMIGRACIÓN

ORDE do 16 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións para apoiar iniciativas de emprendemento e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2026 (código de procedemento TR880A).

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas cales se rexerá a convocatoria pública de subvencións de apoio ao emprendemento para as persoas traballadoras autónomas e pequenas e medianas empresas, incluídas as cooperativas e sociedades laborais, que se atopen de alta e iniciasen a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024 no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para a anualidade de 2026 (código de procedemento TR880A).

Poderán ser beneficiarias destas axudas as persoas traballadoras autónomas, mutualistas e as pequenas e medianas empresas segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014 e as sociedades cooperativas e laborais, que cumpran os dous requisitos seguintes:

a) Que se constitúan ou dean de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, desde o 1 de xaneiro de 2024, de conformidade co establecido no artigo 1.

b) Que iniciaran a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024, de conformidade co establecido no artigo 1.

Conceptos subvencionables

1.a) Investimentos: serán subvencionables os investimentos que correspondan de xeito indubidable ao proxecto empresarial constituído ou dado de alta, segundo a natureza xurídica da entidade de que se trate, e que teña iniciado a súa actividade económica desde o 1 de xaneiro de 2024.

En concreto: Equipamento informático. Activos intanxibles: activos que non teñen unha materialización física ou financeira. Investimentos en eficiencia enerxética. Adquisición de bens de equipamento e mobiliario. Reforma e habilitación das instalacións do local de negocio (quedan expresamente excluídas desta convocatoria as reformas en locais destinados ao seu alugamento como vivendas catalogadas de uso turístico segundo a definición do artigo 5 do Decreto 12/2017, do 26 de xaneiro, polo que se establece a ordenación de apartamentos turísticos, vivendas turísticas e vivendas de uso turístico na Comunidade Autónoma de Galicia).

A adquisición de activos pertencentes a un establecemento ou de bens de equipo de segunda man, incluídos os bens reacondicionados, serán subvencionables sempre que cumpran os seguintes requisitos: – Que os activos sexan adquiridos a unha terceira persoa non relacionada coa persoa compradora. – Que conste unha declaración da persoa vendedora sobre a orixe dos bens e sobre que estes non foron obxecto de ningunha subvención nacional ou comunitaria. – Que o prezo non sexa superior ao valor de mercado de referencia nin ao custo dos bens novos similares, acreditándose estes extremos mediante certificación de taxador/a independente ou dunha empresa subministradora de bens da mesma tipoloxía dos bens de segunda man obxecto de transacción. Cando se adquiran bens de segunda man nestas condicións non será preciso achegar as tres ofertas ás que se fai referencia no artigo 12.1.e). Cando a persoa emprendedora sexa membro da familia do/da propietario/a inicial ou un/unha empregado/a e se faga cargo da pequena empresa para continuar coa actividade, non se aplicará a condición de que os activos deban ser adquiridos a terceiras persoas non relacionadas coa persoa compradora. A simple adquisición das accións dunha empresa non constituirá un investimento.

b) Gastos notariais, rexistrais e de alugamento: para as persoas solicitantes que cumpran os requisitos exixidos para seren beneficiarias da subvención en relación aos investimentos realizados, esta convocatoria mantén, así mesmo, como unha forma adicional de apoio ás persoas emprendedoras, a posibilidade de subvencionar, nos termos e nas contías previstos na propia orde, os seguintes gastos: 1) Gastos notariais e/ou rexistrais (gasto corrente).

2) Gastos de alugamento de inmobles para a realización da actividade para a que se solicita a subvención (gasto corrente).

Os investimentos terán que estar realizados e pagados dentro do prazo de execución, que abrangue desde o 1 de xullo de 2025 ata a data da presentación da solicitude.

O investimento total realizado deberá ser como mínimo de 5.000 € (IVE excluído).

A contía da axuda terá as seguintes porcentaxes de intensidade en función do rango de investimento total realizado:

Con investimentos de 5.000 € ou máis ata un límite de 20.000 €, a contía da axuda será do 55 % do investimento.

Con investimentos de 20.001 € ou máis ata un límite de 30.000 €, a contía da axuda será do 50 % do investimento.

Con investimentos de 30.001 € ou máis ata un límite de 60.000 €, a contía da axuda será do 45 % do investimento.

No suposto de que o proxecto de investimento evite o peche dun negocio por falta de remuda xeracional e facilite que a persoa interesada en emprender teña a posibilidade de recoller a testemuña dun negocio xa viable economicamente, a porcentaxe de intensidade en función do rango de investimento total realizado establecida neste artigo incrementarase nun 10 %.

As axudas previstas nesta convocatoria poderanse solicitar desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia ata o 2 de marzo de 2026.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260130/AnuncioG0767-291225-0002_gl.pdf

Scroll ao inicio
Ir o contido