San Tomé de Ancorados inaugura retablo
Os veciños da parroquia estradense de San Tomé de Ancorados poderán asistir este venres, 30 de xaneiro, á estrea das obras de restauración do retablo maior da súa igrexa parroquial, unha peza que vén de seren recuperada en virtude do convenio acadado entre o Concello da Estrada, a Consellería de Cultura e a Arquidiocese de Santiago de Compostela.
O templo acollerá o venres unha misa cantada ás 19.00 horas, á que está prevista a asistencia do arcebispo de Santiago,Francisco José Prieto Fernández, do conselleiro de Cultura, José López Campos, e do alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono,entre outros.
As obras de restauración deste retablo comezaron o pasado mes de agosto e foron desenvolvidas pola firma Artegal Restauraciones, cun orzamento que se situou por encima dos 50.000 euros e que foi asumido principalmente pola Xunta de Galicia, cunha achega por parte do Concello.
O retablo de San Tomé é de estilo Barroco e foi realizado arredor do ano 1750 polo compostelán Luis Parcero, un escultor moi apreciado no seu tempo, que colaborou en retablos tan famosos como o de San Martín Pinario de Santiago e que no municipio estradense deixou pegada noutras igrexas, caso da de Berres.
O que topou o equipo de restauración foi un retablo en moi mal estado de conservación, con perda de elementos decorativos e un ataque grave de térmite. Ademais, partes da estrutura da peza estaban caídas, caso do lateral esquerdo do ático.
Os traballos realizados supuxeron unha recuperación completa do retablo, cunha limpeza das policromías e a fixación de toda a estrutura.
O que poderán ver agora os veciños é a recuperación da repolicromía que se efectuou sobre esta peza a comezos do século XX.
Dende o Concello da Estrada agradeceuse a implicación da Conselleria de Cultura para facer posible a recuperación deste elemento do patrimonio estradense.
Velaquí algunhas imaxes que amosan o ANTES e o DESPOIS deste proceso, así como algunhas fotos do proceso realizado por Artegal Restauraciones.