Cabecera Evento
Axenda Cultural

XXX Edición do Premio de Poesía Avelina Valladares

📅 Data: 31 Xaneiro 2026
Hora: 20:00 h
📍 Lugar: A Estrada
✍️ Autor: Concello da Estrada

Bases para a
XXX Edición do Premio de Poesía Avelina Valladares

O Concello da Estrada, comprometido e sensibilizado co proceso de creación cultural, desexan contribuír á difusión da lírica galega e, ao tempo, servir como estímulo para que novos autores e autoras percorran o complexo e, en ocasións, pouco agradecido camiño da poesía, esa arte literaria de minorías, que historicamente adquiriu en Galicia unha importancia superior ao resto dos xéneros.

Do mesmo xeito, tamén se pretende perseverar no cultivo da lingua galega como sinal de identificación e diferenciación de Galicia e principal patrimonio cultural da nosa comunidade.

Por último, e non menos importante, búscase colaborar coa divulgación da vida e da obra da poeta estradense Avelina Valladares, auténtica precursora, xunto co seu irmán Marcial, do cultivo literario da lingua no século XIX, determinante no rexurdimento do noso idioma como vehículo artístico.

 

B A S E S

 

PRIMEIRA

Poderán concorrer ao premio todas as persoas autoras, agás os gañadores das últimas cinco edicións, de calquera nacionalidade, que presenten os orixinais escritos en lingua galega acorde coa normativa oficial vixente. Os textos presentados deberán ser inéditos.

 

SEGUNDA

Os orixinais presentaranse por quintuplicado acompañados dun CD ou pendrive, onde se incluirá a obra en formato PDF. O tema e a forma serán libres, mais os textos deberán contar cun mínimo de 300 versos e cun máximo de 800. Deberanse remitir, antes do 31 de xaneiro de 2026, ao seguinte enderezo: XXX Premio de Poesía Avelina Valladares, Concello da Estrada, praza da Constitución, 1, 36680 A Estrada, Pontevedra.

 

TERCEIRA

Con cada orixinal, que se deberá entregar baixo lema, xuntarase nun sobre pechado o nome completo, a copia do DNI, o enderezo e o teléfono do autor ou autora.

Presentarase na plica unha declaración xurada en que se indique que a persoa que concorre ao premio está ao corrente das súas obrigas tributarias e coa seguridade social, que non está incursa na prohibición da percepción de obrigas públicas e, en xeral, que cumpre os requisitos do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A orixinalidade da obra e a súa autoría xustificarase mediante unha declaración responsable manifestando ser a persoa autora e titular de todos os dereitos e que ademais non se empregou ningunha clase de IA xenerativa na súa realización.

 

CUARTA

A dotación económica será de 2.000 €, que se outorgarán indivisiblemente nun único premio e suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan.

O premio poderá xestionarse por tramitación anticipada de gastos, co obxecto de iniciar a tramitación no exercicio 2025, e adxudicar (disposición de gastos) e recoñecer o importe da obriga con cargo aos orzamentos de 2026, en concreto, na aplicación orzamentaria 2026/01/330/48100 con data límite o 31/12/2026

As persoas premiadas deberán estar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Axencia Tributaria de Galicia, coa Seguridade Social e co Concello da Estrada.

 

QUINTA

O xurado estará composto por cinco membros escolleitos/as entre recoñecidas figuras do mundo da cultura. Cada un dos grupos políticos representados na corporación propoñerá un membro. Contará tamén cun/cunha secretario/a, con voz e voto, en representación do Concello da Estrada. O premio entregarase por maioría de votos.

A resolución será notificada ao interesado antes de 01/12/2026.

Na valoración das obras presentadas o xurado terá en conta os seguintes criterios:

1.º Calidade literaria da obra presentada, en especial, ritmo, musicalidade, riqueza de imaxes e profundidade da mensaxe, valorando a coherencia entre forma e contido.

2.º Orixinalidade e valor cultural da mesma, en especial as achegas que sexan innovadora no panorama actual da narrativa galega.

3.º Calidade e coidado da lingua empregada. En especial valorarase que supoña un elemento enriquecedor para o poemario e que se adapte á súa forma e estilo. Tamén que sexa unha proposta capaz de suxerir, emocionar e xerar unha resposta no lector.

 

SEXTA

A composición do xurado darase a coñecer no día, lugar e hora que se comunicarán oportunamente.

 

SÉTIMA

Unha vez emitida a resolución do xurado, abrirase a plica gañadora no curso dun acto público que se desenvolverá na data e lugar que se anunciarán oportunamente.

 

OITAVA

As presentes bases publicaranse na web municipal www.aestrada.gal, na app do Concello e nas súas redes sociais.

O extracto da convocatoria desta subvención publicarase na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). Posteriormente, a BDNS dará traslado do extracto desta ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra para a súa publicación.

 

NOVENA

O Concello da Estrada resérvase o dereito de publicar os traballos premiados en formato físico e dixital, nunha antoloxía creada para tal efecto, sen apercibimento de dereitos de autoría e compensando ás persoas autoras con exemplares do volume que, no seu día, se puider editar. De a persoa autora publicar a obra, deberase facer referencia ao premio obtido neste certame.

 

DÉCIMA

O procedemento de instrución e resolución levarase a cabo no Departamento de Cultura, nos termos que se regulan nos artigos 23 a 27 da Lei Xeral de Subvencións. 

Os textos non premiados poderanse retirar no Departamento de Cultura do Concello da Estrada nun prazo de quince (15) días, contados a partir do día seguinte ao da comunicación do xurado.

Para a retirada dos textos cómpre que o autor ou autora pidan cita e presenten unha solicitude previa de retirada (ao correo-e cultura@aestrada.gal). Na dita solicitude deben indicar o nome do autor e o nome da plica e a obra, sendo necesario que se identifiquen no momento da recollida. Aqueles textos que non se retiren no prazo indicado serán destruídos, sen que caiba ningunha reclamación ao respecto. O Concello da Estrada non manterá correspondencia cos autores e autoras dos traballos presentados, nin asume responsabilidade ningunha pola eventual perda dalgún orixinal.

 

UNDÉCIMA

A presente subvención será compatible con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera administración ou ente público ou privado.

 

DUODÉCIMA

A presentación ao premio implica por parte dos ou das concursantes a aceptación total destas bases, así como das Bases de Execución do Orzamento.

 

 

 

Scroll ao inicio
Ir o contido