Nova convocatoria dos cursos YoConecto
O Concello de A Estrada vén de pechar coa Fundación Cibervoluntarios unha nova fase do programa YoConecto, que contará con seis novos cursos de formación dixital para o seu desenvolvemento entre os meses de febreiro e maio. A programación realizarase na Casa da Música, en horario de mañá.
Esta nova planificación chega tras o éxito da primeira convocatoria, iniciada no mes de decembro, e que aínda ten cursos que se celebrarán entre o 19 e o 29 de xaneiro, cuxas inscricións xa están pechadas. En total, van ofertadas nestas dúas formacións 63 prazas, unha cifra que superou amplamente as expectativas iniciais, o que levou ao Concello a ampliar e duplicar a oferta, co obxectivo de garantir unha atención máis personalizada e adaptada ao ritmo das persoas participantes.
O concelleiro de Novas Tecnoloxías e Conectividade, Manuel Magariños, destacou que “esta resposta da veciñanza confirma que había unha necesidade real de formación dixital, especialmente entre persoas que querían aprender pero que ata agora sentían medo ou inseguridade”. Segundo sinalou, o obxectivo é “poñer a tecnoloxía ao servizo das persoas, acompañalas e darlles confianza para que se sintan capaces”.
Magariños quixo tamén agradecer expresamente a colaboración da Fundación Cibervoluntarios, poñendo en valor “a súa implicación e flexibilidade á hora de ampliar e duplicar os cursos inicialmente previstos, dando resposta ao elevado número de persoas interesadas”. “Cando unha iniciativa funciona”, engadiu, “o importante é saber reaccionar e mellorar a oferta para que ninguén quede atrás”.
Seis novos cursos
Esta nova fase do programa YoConecto contará con seis novos cursos, cos que o Concello da Estrada quere seguir avanzando na inclusión dixital da veciñanza. Trátase dunha formación pensada para que as persoas participantes poidan sacar todo o partido ao seu teléfono móbil, tanto para comunicarse como para facer xestións e trámites do día a día.
“O teléfono móbil ofrece posibilidades practicamente infinitas”, explicou Manuel Magariños, “pero para aproveitalas hai que coñecelas e, sobre todo, perderlle o medo”. “Non falamos de saber máis ca ninguén”, engadiu, “senón de gañar autonomía, tranquilidade e sobre seguridade”.
A nova programación YoConecto na Estrada (febreiro – maio) ten a seguinte calendarización:
- FEBREIRO
–YoConecto L4. Iniciación ao mundo dixital.
Datas: 3, 5, 10 e 12 de febreiro.
Dirixido a: Cidadanía +18.
–YoConecto L4. Apps útiles para a xestión de trámites en Internet.
Datas: 17, 19, 24 e 26 de febreiro.
Dirixido a: Cidadanía +18.
- MARZO
–YoConecto L1. Comunica con confianza: WhatsApp e Telegram.
Datas: 17, 19, 24 e 26 de marzo.
Dirixido a: Maiores de 60 anos.
- ABRIL
–YoConecto L1. A túa banca dixital. Compras seguras en liña (Grupo 2).
Datas: 7, 9, 14 e 16 de abril.
Dirixido a: Maiores de 60 anos.
–YoConecto L4. Seguridade: Protexe o teu mundo dixital.
Datas: 21, 23, 28 e 30 de abril.
Dirixido a: Cidadanía (+18)
- MAIO
–YoConecto L1. Lecer dixital.
Datas: 5, 7, 12 e 14 de maio.
Dirixido a: Maiores de 60 anos
A celebración para todos os cursos terá como espazo a Casa da Música e serán en horario de 10.00 a 13.00 horas.
Cómpre lembrar que da primeira convocatoria queda aínda pendente de celebración do curso “YoConecto L1. A túa banca dixital. Compras seguras en liña”, previsto para o mes de marzo. No caso de que as persoas inscritas nos cursos das edicións anteriores non esgoten o cupo de prazas, este curso podería acoller novas incorporacións.