Imagen Cabecera Común

Xunta de Galicia convoca axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinados a persoas físicas (axudas ao feísmo)

INSTITUTO DE ESTUDOS DO TERRITORIO

RESOLUCIÓN do 30 de outubro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas, xestionadas por este instituto, e se establece a súa convocatoria para o ano 2026, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento MT402A).

Poderán ser obxecto de subvención as seguintes actuacións:

a) Actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos de fachada.

Poderanse subvencionar actuacións correctoras consistentes no revestimento de paramentos que actualmente están rematados con materiais ou solucións construtivas que poidan resultar inadecuadas para quedar vistas, como podería ser a fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, o formigón ou morteiro de cemento.

Poderán incluírse, igualmente, aqueloutras actuacións consistentes na eliminación de elementos adxacentes e/ou a renovación do acabado dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia dunhas inadecuadas características construtivas, do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou da intensidade da actual cor de acabado.

b) Remate, renovación e/ou substitución do acabado exterior de cubertas. Poderanse subvencionar actuacións correctoras de impactos paisaxísticos derivados de situacións en que as cubertas das edificacións están en deficiente estado de conservación ou presentan solucións construtivas ou materiais de acabado que poderían ser considerados como inadecuados. Poderá ser subvencionable a substitución de cubertas de placas de fibrocemento e/ou doutros materiais, así como a eliminación de elementos adxacentes discordantes cos valores arquitectónicos do inmoble e/ou paisaxísticos da contorna onde se localiza a edificación. Nestes casos deberán executarse solucións que garantan o adecuado acabado e remate construtivo dos inmobles.

Queda expresamente excluída de subvención a substitución de cubertas de tella cerámica ou lousa por outras solucións con outros materiais de acabado. As novas cubertas executadas con tella cerámica ou lousa deberán respectar as características formais da cuberta orixinal, tanto en xeometría como en dimensión das pezas de cubrición.

c) Recuperación, restauración e/ou revestimento de muros de peche de terreos. Poderán ser obxecto de subvención as actuacións consistentes no revestimento de muros de peche executados con fábrica de ladrillo ou bloques de formigón, sen revestir. O novo revestimento poderá realizarse con pintura (con ou sen recebado previo) ou con morteiros indicados en todo caso para quedar vistos; aplicaranse preferentemente tonalidades brancas ou grises/pardas moi claras. Tamén poderán realizarse chapados de pedra acordes coas características da zona.

Todas as actuacións deberán aplicar os criterios e recomendacións da Guía de cor e materiais de Galicia das doce grandes áreas paisaxísticas de Galicia, así como, no caso dos muros de cerramento, a Guía de caracterización e integración paisaxística de valados (publicadas na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático), ademais de axustarse ás condicións que veñan impostas pola normativa municipal e sectorial aplicable.

En ningún caso se subvencionarán actuacións que non teñan carácter integral. Enténdese por actuación de carácter integral aquela intervención que garante a corrección do impacto paisaxístico que xustificou a concesión da subvención. Non serán, polo tanto, subvencionables aquelas actuacións de carácter parcial, que non abrangan a totalidade dos paramentos das fachadas degradadas dun inmoble e/ou o arranxo ou substitución de todos os panos dunha cuberta en mal estado.

Poderán ser beneficiarias desta subvención as persoas físicas propietarias ou usufrutuarias dun inmoble ou ben sobre o cal pretenda/n realizar algunha/s das actuacións establecidas no ordinal segundo desta resolución.

Só caberá presentar unha solicitude por persoa e ben. Cada solicitude poderá conter varias actuacións.

Todas as actuacións deberán contar, sempre e en todo caso, coa comunicación previa ou, de ser necesaria, a correspondente licenza municipal. Todo isto sen prexuízo dos restantes informes ou autorizacións, municipais ou sectoriais, que sexan precisos. Para estes efectos, o cumprimento do dito requisito acreditarase na fase de xustificación, sen prexuízo da declaración responsable na fase de solicitude.

Gastos subvencionables

a) Gastos necesarios para a axeitada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os materiais e a man de obra.

b) Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

c) Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. En ningún caso se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación nin os impostos persoais sobre a renda.

O importe da subvención será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio tendo en conta o valor de mercado), co límite máximo de 3.000,00 € por solicitante e ben.

DOCUMENTACIÓN: 

a) Acreditación da representatividade suficiente para actuar en nome da persoa solicitante, por calquera dos medios establecidos no artigo 32 do Real decreto 203/2021, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de actuación e funcionamento do sector público por medios electrónicos.

b) Memoria descritiva das actuacións propostas, que deberá ter o detalle suficiente para describir adecuadamente as súas características, a súa medición e o seu orzamento, que deberá coincidir co reflectido no anexo I

c) Reportaxe fotográfica do ben sobre o cal se vai actuar en que se aprecie o elemento ou elementos obxecto da actuación. Esta reportaxe, en que todas as fotografías deberán estar claramente identificadas, incluirá como mínimo unha de conxunto de cada unha das fachadas e/ou cubertas do inmoble, así como de todos os tramos dos muros de peche (segundo o tipo de actuación para a cal se solicita a subvención), sexan ou non obxecto de intervención. Ademais incluirá aquelas fotografías de detalle necesarias para avaliar o estado actual do ben sobre o cal se pretende actuar

d) Declaración responsable de que se fará a comunicación previa ou a solicitude das licenzas pertinentes. 

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

O prazo de presentación de solicitudes será dun (1) mes e iniciarase en sete (7) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

PRAZO DE APERTURA: VENRES, 16 DE XANEIRO (a partires das 00.01horas)

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2026/20260107/AnuncioG0192-091225-0001_gl.pdf

Se precisas axuda desde o departamento de emprego do Concello da Estrada botámosche unha man; podes chamarnos ao teléfono 986 677 740 ou pasarte polas nosas oficinas sen necesidade de cita previa en horario de 9.00 a 14.00 horas. 

Scroll ao inicio
Ir o contido