A sede electrónica, temporalmente fóra de servizo
O Concello de A Estrada informa de que a empresa esPublico Tecnoloxía, responsable da Sede Electrónica e das aplicacións internas de xestión municipal, realizará unha intervención técnica programada no seu centro de datos entre o venres 5 de decembro, ás 22.00 horas, e o domingo 7 de decembro, ás 22.00. Durante ese tempo, a Sede Electrónica e outros servizos dixitais municipais estarán temporalmente fóra de servizo, polo que non se poderán presentar escritos nin realizar trámites electrónicos.
Deste xeito, recoméndase á veciñanza adiantar ou pospoñer as xestións urxentes fóra desa fin de semana.
Segundo explicou hoxe o edil de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, trátase dun mantemento planificado pola empresa provedora, que afecta a todas as administracións que empregan esta mesma plataforma, e que ten como obxectivo mellorar a velocidade, a seguridade e a fiabilidade dos servizos dixitais.
A actuación inclúe a renovación completa dos equipos principais do Centro de Procesamento de Datos, co fin de ofrecer un sistema máis moderno, estable e preparado para os retos tecnolóxicos dos vindeiros anos.
Magariños puxo o acento en que, aínda que estes traballos poidan supoñer un pequeno inconveniente puntual, como calquera labor de mellora, “repercutirán nun maior beneficio para todos, permitindo contar con servizos dixitais máis rápidos, seguros e eficaces”.
Dende o Concello agradécese a comprensión da veciñanza e lémbrase que esta actuación forma parte do compromiso de continuar mellorando os servizos públicos dixitais para facer máis sinxela e áxil a relación coa administración.
Sede Electrónica do Concello de A Estrada: https://aestrada.sedelectronica.gal