Rúa San Paio cortada ao tráfico
A xefatura da Policía Local da Estrada informou hoxe de que, dende primeira hora desta tarde, a Rúa San Paio quedará cortada ao tráfico dende a Praza de Galicia, a consecuencia das obras de remodelación e peonalización que se están executando neste céntrico enclave da capital estradense.
Deste xeito, dende a Praza de Galicia (popularmente coñecida como A Farola) os condutores non poderán circular cara a Rúa San Paio, nin tampouco se poderá baixar por esta vía tras acceder ao centro pola Rúa 56. Así, chegados á citada praza, os vehículos unicamente poderán continuar a marcha cara O Cruceiro ou desviarse en dirección á Avenida de América.
A Policía Local instalará unha valla coa información deste peche circulatorio na intersección entre a Rúa Pérez Viondi e a Avenida Benito Vigo, coa intención de que os usuarios (especialmente os transportistas) tomen en consideración que non poderán atravesar a Rúa San Paio.
A única excepción a este corte será que estará permitido o acceso aos garaxes existentes na rúa, na que tampouco se poderá estacionar. Para entrar nos garaxes os residentes terán habilitado un acceso alternativo dende a rúa Antón Losada Diéguez, o que suporá que entren no vial empregando o sentido da marcha contrario ao actual (accederán de xeito ascendente, dirección Praza de Galicia, cando a circulación habitual é descendente, dirección Figueiroa).
As obras que están avanzando nesta parte da vila fixeron tamén que os contedores de lixo existentes en San Paio fosen desprazados, achegándose provisionalmente á Praza de Galicia.