O concelleiro estradense de Servizos Municipais, Óscar Durán, confirmou hoxe que o punto de limpo, emprazado no lugar de Penerada, comenzará esta semana a funcionar con horario ampliado. Deste xeito, estas instalacións municipais incorporan dende o xoves, 20 de novembro, dúas tardes de apertura á súa operativa actual. Serán as do xoves e a venres, con tres horas de atención ao público cada unha delas.
Na actualidade o punto limpo estradense está aberto de 09.00 a 13.00 horas os xoves e venres e en horario partido os sábados, de 10.00 a 13.00 e de 16.00 a 19.00. Deste xeito, son 14 horas á semana de apertura ao público rexistrando unha media de 100 usuarios semanais.
Durán sinalou que se vén constatando que os sábados as instalacións municipais rexistran un mínimo de 50 persoas que desexan depositar residuos de distinta natureza, aproveitando que nesa xornada hai apertura vespertina. Foi por iso que, ante a posibilidade dunha ampliación horaria para favorecer a atención á cidadanía, dende este departamento municipal acordouse coa concesionaria (a firma Coregal) abrir dúas novas tardes.
Con acomodo ao novo horario, os usuarios terán á súa disposición o recinto como ata o de agora, pero sumando as tardes de xoves e venres entre as 16.00 e as 19.00 horas.