Programación para o 25-N
As concelleiras de Servizos Sociais e Cultura, Amalia Goldar e Lucía Seoane, respectivamente, presentaron este mediodía a programación deseñada para conmemorar o 25 de novembro como Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
“No Concello da Estrada entendemos que a loita contra esta lacra é algo que nos afecta e require da implicación de todos, de maneira que hai que enfocala de xeito transversal”, explicaron, para reafirmar, de seguido, “o compromiso firme deste Concello na loita contra todas as formas de violencia machista”.
O martes 25 de novembro, ás 20.00 horas e na Praza da Constitución, celebrarase unha concentración con velas. “É un acto moi sinxelo pero que ten a intención de ser moi simbólico e participativo. Buscamos que esas velas que conforman o símbolo feminino iluminen tamén un espazo para o encontro e reflexión”, sinalou Goldar. Neste acto lerase o manifesto consensuado entre todas as forzas políticas da Estrada.
Seoane presentou a programación cultural deseñada para o 25N. “Estamos convencidos de que a cultura é unha ferramenta moi poderosa que nos axuda a transformar mentalidades e a construír unha sociedade máis igualitaria”, sinalou.
A vertente cultural arranca este sábado xa, con teatro. Ás 20.30 e no Teatro Principal porase en escena “As R(h)umorosas”, un espectáculo cómico que fusiona monólogos, sketchs, música e poesía para reinterpretar a vida de mulleres galegas ilustres como Emilia Pardo Bazán ou María Casares.
O venres 21 de novembro compañía Verdeveras porá en escena a peza “As formas do amor”. A obra céntrase nun deses amores inesquecibles que marcan un antes e un despois nas nosas vidas, que teñen o poder de poñelo todo patas para arriba e de transformarnos por completo. A entrada será de balde, con necesidade de retirar invitación.
O día 29 chegará o concerto da cantautura norteamericana Dayna Kurtz. Ten 5 discos no mercado e colaboracións con artistas da talla de Norah Jones. Nomeada Compositora Femenina do ano pola Academia Nacional de Compositores norteamericana, o seu estilo é unha mestura de jazz, folk, pop e blues. Compartiu xira con artistas da talla de Elvis Costello, Rufus Wainwright ou B.B King. Compartirá escenario co guitarrista Robert Maché.
Para gozar desta programación especial do 25N, as asociacións de mulleres do municipio terán un desconto do 50%.