Mellora da sinalización horizontal no casco urbano
O Concello da Estrada traballa estes días na execución dunha mellora da sinalización horizontal no casco urbano, en virtude dun plan de actuación dirixido pola Policía Local.
O programa suporá labores de pintado en múltiples puntos da capital estradense e ten como principal obxectivo contribuír a mellorar a seguridade viaria. Segundo precisou o xefe da Policía Local, Javier García, desta volta están previstas medio cento de intervencións.
A medida responde a actuacións que os axentes municipais consideran prioritarias dado o deterioro da sinalización preexistente, á vez que se van incorporando ao plan de actuación tamén algunhas demandas puntuais e necesidades sinaladas pola cidadanía. Como queda indicado, o plan de actuación previsto para seren executado nas vindeiras semanas é amplo, sen ben o seu avance está directamente supeditado á existencia de condicións meteorolóxicas favorables. Precisan que o pintado tense que facer sempre co chan seco e sen choiva.
Accesos a garaxes, vaos, espazos de carga e descarga, rotondas ou paradas de autobuses centran boa parte destas intervencións, ás que se suma o pintado dalgúns illotes, a delimitación de prazas para persoas con mobilidade reducida ou a reposición de pivotes en varios puntos. Algunhas das rúas na que xa se estivo actuando son Pintor Maside ou no tramo final da Avenida de Santiago, fronte ao colexio Figueiroa, se ben a lista é longa e contempla actuacións en Fermín Bouza Brey, Avenida de América ou a travesía que conecta a Praza da Feira coa Rúa 25 de Xullo, entre outras moitas.