Imagen Cabecera Común

Recta final nas obras da Carballeira Municipal

Tras varias semanas de obras, o alcalde da Estrada, Gonzalo Louzao Dono, visitou estes días a Carballeira Municipal -emprazada na Zona Deportiva, a carón do recito que ocupan a Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp) e o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE)-112 Galicia- para coñecer de primeira man o avance dos traballos que se veñen realizando neste recinto natural, nun intento por gañar espazo para a zona verde a través da eliminación de superficies asfaltadas.

O rexedor acudiu acompañado polo arquitecto técnico municipal, Daniel Órrea, e polo responsable da empresa adxudicataria destas obras, valorando sobre o terreo as intervencións que os usuarios xa poden atopar materializadas.

De feito, aproveitando as agradables condicións meteorolóxicas de días atrás, foron moitos os estradenses que xa quixeron achegarse ata esta área de esparexemento para gozar da sombra dos carballos centenarios e aproveitar o entorno para a práctica deportiva. Nel puideron atopar os novos camiños realizados, así como a supresión da superficie de asfalto que ata o de agora había na entrada principal do recinto.

Neste senso, cómpre lembrar que a intervención programada estivo centrada na eliminación dunha antiga zona asfaltada, en beneficio da zona verde. A actuación supuxo a retirada do aglomerado asfáltico que invadía a zona da carballeira e que foi realizado na década dos 90, de xeito que os vehículos xa non poderán acceder ao paseo.

Demoleuse e retirouse o pavimento existente nunha superficie de algo máis de 300 metros cadrados.

Ademais, aproveitouse a ocasión para efectuar unha roza e limpeza da totalidade da superficie. A obra ampliouse coa formación de paseos con xabre-cemento, por seren este un material de fácil integración e para o que se estima una durabilidade axeitada. Son dous paseos que cruzan a Carballeira e teñen un ancho de 1,5 metros.

“Dende hai anos ata esta área recreativa podía chegarse a través dunha vía pavimentada en asfalto que remataba por adentrarse na propia carballeira. Agora, con esta intervención, é a zona verde a que sae ampliada e mellorada, incrementando o espazo natural posto a disposición da cidadanía para gozar do aire libre e dun fermoso paraxe a escasa distancia dos institutos e moi próximo ao casco urbano”, sinalou Louzao Dono. O rexedor estradense subliñou que este é un proxecto que buscou a posta en valor da Carballeira Municipal, coa intención de que os cidadáns poidan chegar en mellores condicións ata este espazo para gozar do seu tempo de ocio e descanso.

Esta actuación na Carballeira Municipal foi financiada con fondos do Plan de Compensación Ambiental para o ano 2025.

Scroll ao inicio
Ir o contido