Imagen Cabecera Común

A Estrada levará o sábado 19 a ópera á rúa da man do Teatro Real de Madrid

A concelleira estradense de Cultura, Lucía Seoane, presentou esta mañá unha iniciativa que o Concello impulsa da man do Teatro Real de Madrid para sacar a ópera á rúa. Deste xeito, os cidadáns poderán gozar o vindeiro sábado, 19 de xullo, dunha das óperas máis populares da historia, “A Traviata”, de Giuseppe Verdi. Será a través dunha retransmisión en directo dende o teatro madrileño, arrancando a función ás 21.00 horas.

O Teatro Real cumpre 10 anos xa levando a ópera á rúa a través de grandes retransmisións en directo, creando un programa sen fronteiras que fai que a ópera sexa accesible para todos os cidadáns. A entidade facilitará o sinal de forma gratuíta a concellos e institucións culturais que, como o da Estrada, solicitaron participar deste programa. O Concello terá que poñer o espazo e os medios necesarios para que poida visualizarse a representación.

Seoane puxo o acento en que será “unha oportunidade única para que o público poida gozar da beleza da ópera, dende o Teatro Real de Madrid pero case sen movernos da nosa casa”, apuntou. Sinalou que “A Traviata” de Verdi é unha das óperas máis queridas polo público, “unha obra intensa, romántica e tráxica” baseada na novela “A dama das camelias”, de Alejandro Dumas.

A ópera relata a apaixoada historia de amor, no París do século XIX entre a cortesá Violetta Valèry e o nobre Alfredo Germont, unha parella cuxa felicidade se ve ameazada pola hipócrita sociedade burguesa da época. Esta emblemática peza contén unha música poderosa e emotiva que chega directa ao corazón, con momentos inesquecibles para a cultura popular como as arias “Sempre libera”, “Addio do passato” ou o fermosísimo brinde “Libiamo ne´lieti calici”.

Velaquí un enlace para ver un avance da obra:

https://www.youtube.com/watch?v=dbeziG6mQ6c&list=TLGGQTU3ONT5GzQxMTA3MjAyNQ

Scroll ao inicio
Ir o contido