Fogar Vivo, novas axudas da Xunta para mobilizar vivenda baleira
A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se establecen as bases reguladoras do novo programa Fogar Vivo, dotado cun investimento de máis de 1 millón de euros en 2025, e un total de 5,7 millóns ata 2028, que ten como finalidade mobilizar o meirande número de vivendas baleiras para o mercado residencial sempre cun prezo de alugueiro mensual accesible. Toda a información está xa dispoñible na seguinte ligazón:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2025/20250710/AnuncioC3Q2-040725-0002_es.html
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestrutras, María Martínez Allegue, xunto co secretario xeral de Vivenda e Urbanismo, Heriberto García, presentou a nova liña de acegas e destcaso que a contía máxima das subvencións impulsadas pola Xunta será de ata 16.000 euros por vivenda, dos que 11.000 serán para rehabilitación e mellora da vivenda, incluíndo como novidade os gastos para renovar electrodomésticos, a cociña e os sanitarios.
Poden acollerse ás axudas de mellora ou rehabilitación de vivendas desta convocatoria as obras que se realizasen dende o 1 de xaneiro de 2025, sen que o prazo da súa execución poida, en ningún caso, exceder do 30 de maio de 2026.
M. Allegue sinalou que se a vivenda se aluga a mozos e mozas menores de 36 anos, persoas con fillos menores a cargo ou unidades familiares con persoas dependentes haberá unha axuda adicional de 2.000 euros, sempre que se obtivera a axuda de rehabilitación e mellora da vivenda.
Por último, os propietarios poderán solicitar, independentemente de que fagan reformas, 3.000€ para un seguro de impago e/ou multirisco.
A Xunta poderá realizar pagamentos anticipados, ata nun 80%, aboándose o 20% restante coa xustificación final da obra. O obxectivo é que o propietario poida dispor de maior flexibilidade para a realización das actuacións.
Requisitos de acceso
As vivendas dos propietarios que queiran solicitar as achegas do programa Fogar Vivo non poden ter sido arrendadas nos tres meses inmediatamente anteriores á presentación da solicitude. Ademais, deberán destinarse ao alugamento accesible cando menos, durante cinco anos ou sete anos no caso de persoas xurídicas. O prezo non poderá superar os límites establecidos na convocatoria.
O prazo de solicitudes desta primeira convocatoria comezará o venres 18 de xullo ás 9 da mañá e rematará o día 30 de outubro de 2025.
Mobilización de vivendas
Ás axudas do programa Fogar Vivo que impulsa o Goberno galego, engádense os incentivos fiscais que están en marcha desde xaneiro deste mesmo ano para os propietarios que poñan en alugueiro novos inmobles, con deducións do 15% das cantidades satisfeitas polas obras de reparación e conservación ou calquera outro gasto necesario para que un inmoble se atope en condicións de ser arrendado como vivenda, incluída a obtención do certificado de eficiencia enerxética e a formalización do contrato de arrendamento. A base máxima da dedución será de 9.000 euros por vivenda.
Tamén a dedución para os propietarios ou usufrutuarios das vivendas de 500 euros por vivenda da cota íntegra autonómica do primeiro período impositivo en que se poña en arrendamento dita vivenda.