Cultura

Premio de Novela "Manuel García Barros"

PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS”

 

O Excmo. Concello da Estrada, sensible co proceso cultural de Galicia, entende que un dos bens máis prezados desta Comunidade é o da creación literaria, aspecto de salientable significación no marco da Lingua e da Cultura, que redunda nun amplo desenvolvemento da propia identidade. Neste marco de referencia enténdese que calquera estímulo positivo facilita e posibilita unha mellora no eido da Literatura e é polo que así entendido, no proceso de normalización cultural, crea: O PREMIO DE NOVELA “MANUEL GARCÍA BARROS” (KEN KEIRADES). Ademais, deste xeito, quere testemuñar a admiración e respecto e manter a presenza do ilustre académico e galeguista DON MANUEL GARCÍA BARROS, mestre e fillo deste Concello, contribuíndo así ao espallamento da súa persoa e máis a importante achega que a súa obra fixo ás Letras Galegas.
Convocatoria aberta: XXXVIII Premio de Novela “Manuel García Barros” (Ken Keirades)

O Concello da Estrada convoca unha nova edición do Premio de Novela “Manuel García Barros”, unha cita xa consolidada nas Letras Galegas que nace co obxectivo de impulsar a creación literaria en galego e manter viva a memoria e a obra do ilustre estradense Manuel García Barros.

A convocatoria, realizada en colaboración coa Xunta de Galicia (Secretaría Xeral de Política Lingüística) e coa Editorial Galaxia, está dotada con 9.000 euros e premiará unha novela inédita e totalmente orixinal, escrita en lingua galega e acorde coa normativa oficial vixente.

Prazo de presentación: ata o 31 de xaneiro de 2026
Lugar de entrega: Casa do Concello (Praza da Constitución, 1 – A Estrada)
Presentación por quintuplicado en papel e CD/pendrive co texto en PDF, baixo lema e con plica pechada.

O xurado avaliará as obras atendendo á calidade literaria, á orixinalidade e valor cultural da proposta e ao coidado da lingua, e a obra gañadora será publicada pola Editorial Galaxia.

As persoas interesadas poden consultar e descargar as bases completas na web municipal e na app do Concello.

 

Descargar bases

Scroll ao inicio
Ir o contido