Concello da Estrada

Cultura

Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado

Bases V Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado

Primeira
Poderán optar ao V Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado, que convoca o Concello da Estrada co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e a colaboración da Editorial Galaxia, todas as obras ilustradas de tema libre, inéditas en calquera medio ou soporte, dirixidas ao público infantil. Neste sentido, enténdese como álbum infantil o conxunto de texto e ilustración, no que tanto a escrita como as imaxes serán valoradas por xunto, concedéndoselles similar importancia. O(s) autor(es) ou autora(s) garantirán a autoría e orixinalidade da obra presentada ao premio, así como que non é copia ou modificación de ningunha obra allea nin integral nin parcialmente.

Segunda
Poderán concorrer ao premio tanto unha soa persoa autora da parte textual e da gráfica coma dúas ou máis persoas coautoras da parte textual e/ou gráfica.

Terceira
As obras serán presentadas co texto en lingua galega, seguindo a normativa oficial establecida pola RAG/ILG.

Cuarta
As obras a concurso deberán cumprir tamén as seguintes condicións:

– O texto do álbum poderá presentarse xa incorporado á parte gráfica ou tamén por separado dela. En caso de presentarse o texto por separado enviaranse cinco copias impresas deste e outro xogo doutras cinco copias a cor do conxunto de ilustracións. Tamén deberán achegarse indicacións precisas de onde debe figurar o texto en cada páxina ilustrada. En caso de presentarse o texto xa incorporado á parte gráfica deberán enviarse cinco copias impresas a cor do álbum.
– As obras deberán ter unha extensión, sen incluír a cuberta e contracuberta e as gardas, dun mínimo de 24 páxinas e un máximo de 48 páxinas cun un tamaño de 240×210 mm en formato horizontal ou 170×240 mm en formato vertical.
– Os álbums presentaranse con título e baixo pseudónimo. Nun sobre á parte e cerrado figurarán o nome completo, DNI, enderezo postal e electrónico e máis o teléfono do autor ou autora. Todos estos datos de cada un dos autores da obra.
– O autor/a ou autores/as presentarán na plica unha declaración xurada conforme de estar ao corrente nas súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e non estar incursos en prohibición de percepción de obrigas públicas, e en xeral de cumprir os requisitos do artigo 13 da LGS 38/2003, así como fotocopia do DNI, NIE, pasaporte ou documento equivalente.

Quinta
O prazo de admisión de orixinais rematará o 31 de xaneiro de 2025. Os álbums deberán enviarse ao seguinte enderezo:

V Premio Alberte Quiñoi de Álbum Ilustrado
Concello da Estrada
Praza da Constitución, 1
36680 A Estrada (Pontevedra)

Sexta
Establécese un premio único de 4.000 euros para o gañador ou gañadora, suxeito ás retencións que, no seu caso, procedan. De seren dúas ou máis as persoas gañadoras, a contía do premio repartirase equitativamente entre todas elas.
O premio poderá xestionarse por tramitación anticipada de gastos, co obxecto de iniciar a tramitación no exercicio 2024, e adxudicar (disposición de gastos) e recoñecer o importe da obriga con cargo aos orzamentos de 2025, en concreto, na aplicación orzamentaria 2025/01/330/48100.

Sétima
O álbum gañador será publicado pola Editorial Galaxia.

Oitava
O xurado estará composto por cinco persoas de recoñecido prestixio vinculadas ao mundo da creación e/ou da crítica literaria ou artística e será designado polo Concello da Estrada (tres membros), a Secretaría Xeral de Política Lingüística (un membro) e a Editorial Galaxia (un membro). Actuará como secretario ou secretaria do xurado, un dos membros do xurado a proposta e en representación da Corporación do Excmo. Concello da Estrada. O premio outorgarase por maioría simple de votos, podendo ser declarado deserto se o xurado así o estima. A decisión do xurado será inapelable.

Novena
As presentes bases publicaranse na web municipal http://www.aestrada.gal, na app do Concello e nas súas redes sociais.
O extracto da convocatoria desta subvención publicarase na Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS). Posteriormente, a BDNS dará traslado do extracto desta ao Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra para a súa publicación.

Décima
Os textos non premiados poderán ser retirados no Departamento de Cultura do Concello da Estrada, previa presentación de solicitude, por correo-e ou teléfono. O impreso de retirada será asinado polo autor ou autora no momento da súa recollida, nun prazo de quince (15) días contados a partir do seguinte ao da comunicación do xurado. Aqueles que non sexan retirados no prazo indicado serán destruídos, sen que proceda ningunha reclamación ao respecto.

Undécima
A presentación ao premio implica por parte dos ou das concursantes a aceptación total destas bases.

Descargar bases.

Scroll al inicio
Ir al contenido