Concello da Estrada

Cultura

Casa das Letras. A Estrada Do 3 ao 17 de marzo de 2023.

Mulleres Valentes é un proxecto de Rosa de Cabanas, que xurdiu como consecuencia dun reto persoal iniciado en xaneiro do ano 2021, que consistía no compromiso de publicar un debuxo cada semana durante un ano, coa intención de explorar técnicas gráficas e saír do estilo máis coñecido da ilustradora.

Ese debuxo semanal publicado os domingos en redes sociais comezou cun retrato de Xela Arias, escritora homenaxeada ese ano no Día das Letras Galegas, e continuou cos de outras mulleres máis ou menos coñecidas, ao principio con diferentes orixes, máis adiante centrándose en mulleres galegas xa falecidas.

A evolución do traballo e a resposta en redes sociais fixo que o reto se convertese nun proxecto de busca e divulgación de mulleres activas e valiosísimas en moitos ámbitos, na súa maior parte descoñecidas. Así, ao cabo do ano 2021, foron publicados 52 retratos de mulleres diversas. Científicas, escritoras, periodistas, artistas de diferentes disciplinas, activistas represaliadas, ou incluso traballadoras en ámbitos non asociados  tradicionalmente á muller están representadas nesta escolma.

A exposición Mulleres Valentes conterá reproducións deses 52 retratos, así como varios orixinais e material adicional sobre o proceso creativo.

A imaxe que se escolleu como encabezamento da mostra é un retrato de Mamalola, avoa de Rosa de Cabanas. Foi escollida non só por motivos sentimentais, senón por ser un exemplo moi representativo de muller valente da galicia rural, nunca suficientemente recoñecida.

 

00/52 Mamalola

A Estrada, 1905 – 1996

Dolores Veloz, a avoa de Rosa de Cabanas. Nos anos 20 partiu desde a casa onde naceu en Parada para servir na casa dos seus padriños, en Ouzande, parroquia onde se estableceu e residiu o resto da súa vida. Volvería a andar eses camiños moitas veces e outros máis para ir ás feiras da contorna, gañando a vida comprando e vendendo porcos. Malia non ter estudos, foi unha gran contadora de historias, que levou con ela cando morreu aos 91 anos.

01/52 Xela Arias

Poeta, tradutora, editora, profesora

Lugo, 1962 – Vigo, 2003

Unha das voces máis singulares da poesía contemporánea. Xela Arias anticipou nos anos oitenta moitos temas e características formais da lírica galega da década seguinte. Experimentou co diálogo entre a poesía e a fotografía ou a música. A súa é unha poesía urbana, que rompe formalmente co código poético convencional, cunha dimensión social e precursora da escrita de xénero.

02/52 Maruxa Mallo

Pintora

Viveiro, 1902 – Madrid, 1995

Viviu o século XX con intensidade creativa e vital. Fórmase en Madrid, onde se titulou en Belas Artes. Pintora vangardista, adiantada e comprometida. Formou parte da xeración do 27 española. A ditadura franquista levouna ao exilio en Bos Aires, onde seguiu creando. Volveu a Madrid, e alí  viviu unha madurez lúcida e participativa. 

03/52 Loli Camba

A Estrada, 1963 – 2021

A despedida de Loli golpeounos en xaneiro de 2021, deixando un oco inmenso entre os seus afectos. Traballadora en múltiples tarefas, nai dedicada e orgullosa, amiga comprensiva, artista tecedora brillante, dinamizadora social n´A Fervenza de Ouzande… a alma de todas as festas, especialmente dos antroidos. Quedará sempre na nosa memoria.

04/52 Eileen Gray

Arquitecta e deseñadora de mobiliario

Enniscorthy (Irlanda), 1878 – París, 1976

Pioneira da arquitectura moderna, creadora elegante e visionaria, cunha longa vida e extensa obra. Traballou fóra da corrente xeral da modernidade durante toda a súa carreira.Nun momento en que outros deseñadores eran case todos homes e na súa maioría membros de un movemento ou outro, ela permaneceu independente. 

05/52 Lolita Díaz Baliño

Ilustradora

A Coruña, 1905 – 1963

Nacida nunha familia de creadores, as ilustracións de Lolita ocuparon as revistas máis importantes dos anos 20. Nun momento en que para unha muller era difícil destacar, ela foi capaz de facerse un nome no mundo artístico. A súa traxectoria foi truncada pola Guerra Civil, e na súa madurez dedicouse á docencia Escola de Artes e Oficios, formando moitas mulleres artistas. Deixou un grande legado que foi esquecido durante moito tempo.

06/52 Camille Claudel

Escultora

Aisne (Francia), 1864 – Vaucluse, 1943

Escultora de enorme talento, foi colaboradora no taller de Auguste Rodin, cuxa relación e influencia tivo consecuencias desiguais. Tivo uns anos de gran produción artística e de moita calidade, mais a súa saúde mental quedou deteriorada. Pasou os seus últimos trinta anos recluída nunha institución mental por orde da súa familia, e foi enterrada nunha tumba sen nome.

07/52 Marga Gil Roësset

Ilustradora e escultora

Madrid, 1908 – 1932

Nacida nun entorno culto e ilustrado, desde moi nova amosou o seu talento primeiro para a ilustración e despois para a escultura. A súa traxectoria foi impresionante e destacou en diferentes técnicas, mais viuse interrompida abruptamente ao suicidarse con 24 anos, sen saber xestionar un amor non correspondido por Juan Ramón Jiménez.  

08/52 Rosalía de Castro

Escritora

Santiago de Compostela, 1837 – Padrón, 1885

Figura fundamental da Literatura do século XIX, cunha influencia que chega ao presente. A publicación de Cantares gallegos no ano 1863 supuxo o punto de partida do Rexurdimento e marcou un punto de inflexión na historia da literatura galega. A partir dun elevado compromiso ético, social e literario, a escritora prestixiou o galego como lingua literaria e reivindicou o seu uso, e foi precursora do feminismo.

09/52 Teresa Wilms Montt

Escritora

Viña del Mar (Chile), 1893 – París, 1921

Espírito rebelde dentro dunha familia descendente de realeza. Foi recluída nun convento baixo acusación de adulterio. Despois de fuxir, estableceuse en Bos Aires e comezou a súa carreira literaria, mais o seu percorrido levaríaa a España, deportada como sospeitosa de espionaxe, e finalmente a París, sempre relacionándose coa bohemia de todas as cidades onde viviu. Rematou a súa vida suicidándose tras unha depresión. 

10/52 María Casares

Actriz

A Coruña, 1922 – Alloue (Francia), 1996

Filla de Santiago Casares Quiroga, presidente do goberno de España na II República. A familia exiliouse en París tras a Guerra Civil, e alí estudou teatro. Tivo unha gran traxectoria como actriz de teatro e tamén no cinema en Francia, chegando a ter un status de estrela nese país, non chegando a ser tan recoñecida no noso. Porén, hoxe existen uns premios do teatro galego que levan o seu nome.

11/52 Clarice Lispector

Escritora

Chechelnyk (Ucraína), 1920 – Río de Janeiro, 1977

Unha das escritoras brasileiras máis importantes do século XX. Chegou ao país suramericano fuxindo coa súa familia xudía da Guerra civil rusa. Figura de gran influencia nas novas xeracións de autores brasileiros e internacionais. A súa obra, centrada na prosa de ficción e no ensaio converteuna  nunha figura de culto e tamén referente para o feminismo.

12/52 Virxinia Pereira

A Estrada,1884 – Madrid 1889

Casou con Alfonso Daniel Castelao na Estrada en 1912. Foi a súa compañeira e coidadora nas súas doenzas. Acompañouno nas viaxes de recollida de fondos para a República (Á URSS, A Estados Unidos e a Cuba) e máis tarde no exilio en Arxentina. Despois da morte de Castelao, conservou, defendeu e divulgou o seu legado e amosou un total compromiso galeguista e antifranquista.

13/52 Lina Bo Bardi

Arquitecta

Roma, 1914 – Sao Paulo 1992

Unha das arquitectas máis expresivas e importantes da Modernidade en Brasil e no ámbito internacional. Formouse e iniciouse na arquitectura en Roma e Milán, participando en publicacións de prestixio. Militou no partido Comunista.  Trasladouse a Brasil e alí consolidou o seu oficio e expandiu a súa influencia e deixou como legado varias obras de gran significación, como o MASP de São Paulo.

14/52 Carolina Otero

Actriz e bailarina

Valga, 1868 – Niza, 1965

Marchou de Valga moi nova tras sufrir unha violación que lle ocasionou danos moi graves. En Francia chegou a ser bailarina e actriz aclamada e famosa en Europa. Converteuse icona da Belle Époque. Tivo a oportunidade de coñecer a grandes personalidades da súa época e xuntou unha grandísima fortuna, da que pouco lle quedou cando morreu que, iso si, foi doada á vila de Valga.

15/52 María Miramontes

Costureira e militante galeguista

Guísamo, 1895 – Bos Aires, 1964

María Miramontes participaba da vida cultural e política republicana coruñesa e formou parte das Irmandades da Fala. Casou con Ánxel Casal e compaxinou a súa actividade como modista coa súa loita e compromiso republicano e nacionalista, primeiro na Coruña e despois en Santiago de Compostela. O seu home, nese momento alcalde da cidade, foi asasinado en 1936 e María conseguiu exiliarse en Bos Aires, onde. morreu.

16/52 María Antonia Dans

Pintora

Oza dos Ríos, 1822 – Madrid, 1988

Foi alumna de Lolita Díaz Baliño, que a encamiñou na súa profesión. Comezou a pintar na Coruña, mais trasladouse a Madrid onde residiu sempre. Da súa obra, que acada a súa plenitude na década dos setenta, chama a atención precisamente a intensidade das súas cores, e a súa simplicidade formal.

17/52 Amparo López Jean

Mestra, militante galeguista

Culleredo, 1885-Montauban, 1942

Mestra, de ideas avanzadas, formou parte do Partido Galeguista e da Agrupación Republicana Feminina da Coruña, colaborando en multitude de actividades con fins sociais. Cando estala a Guerra Civil consigue trasladarse a Barcelona con parte da súa familia, onde participa en labores de axuda, ata que debe fuxir a Francia sufrindo moitas vicisitudes.

18/52 Dionisia López Amado

Costureira, activista antifascista

Cedeira, A Coruña, 1928 – Bos Aires, 2008

Dionisia viviu o golpe de estado do 36 en Cedeira. Anos despois, viviu o golpe militar do xeneral Videla en Arxentina, onde emigrara en busca de unha vida mellor. O seu fillo e a súa nora foron secuestrados, vítimas do terrorismo de estado. A partir de entón uniuse ao grupo de mulleres que se reunían cada día na Praza de Maio, reclamando os seus fillos desaparecidos e a súa vida volveuse loita ata a súa morte.

19/52 Jimena Fernández de la Vega

Xenetista

Vegadeo, 1895 – Santiago de Compostela, 1984

Xunto coa súa irmá xemelga Elisa foi das primeiras mulleres licenciadas pola Universidade de Santiago de Compostela. En 1913 matriculouse na facultade e licenciouse en 1919. Obtivo unha beca para estudar en Alemaña e Austria  e posteriormente en Italia, realizando un importante traballo de investigación en Xenética. Acabou especializándose en Hidroloxía e traballou como médica en balnearios.

20/52 Maruxa e Coralia Fandiño

As dúas Marías

Maruxa: Compostela, 1898 – Compostela, 1980

Coralia: Compostela, 1914 – Compostela, 1983

Naceron nunha familia de ideoloxía anarquista, e despois da sublevación militar do 36 sufriron humillacións e vexacións, amén da fame provocada pola falta de traballo. O seu mecanismo de defensa foi saír á rúa todos os días á mesma hora, maquilladas e vestidas con toda a cor que lle faltaba á época que viviron. Acabaron convertidas en iconas da cidade.

21/52 Elisa Patiño

Pioneira no mundo da aviación en Galiza

Pontevedra, 1890 – 1919

‘Chichana’ era filla dos Duques de Patiño. Intrépida e aventureira, foi a primeira muller coñecida que subiu a bordo dun aeroplano, xunto ao afamado aviador José

Piñeiro no seu Bleriot. Muller culta, posuía uns grandes dotes artísticos e interpretativos. Así, formou parte de varias compañías de teatro afeccionado, participando en diferentes festivais e actos benéficos. A gripe do 18 rematou coa súa vida.

22/52 Finita Gay

Cantante

Culleredo, 1928 – Carral,1989

Fina Gay fuxiu da súa casa da Martela para ser unha estrela. Unha das primeiras mulleres en converterse en vocalista e animadora de orquestra nas Mariñas. Foi a raíña das festas na comarca durante moitos anos, causando sensación dende o inicio. Buscou a vida en Venezuela e seguiu coa profesión ata que o matrimonio a apartou dos escenarios. Anos despois volveu á terra e abriu un local na súa localidade natal.

23/52 Irene González Basanta

Futbolista

A Coruña 1909 – 1928

Non existe constancia en todo o mundo doutra muller que fose futbolista nunha época tan temperá como a década de 1920 do século XX. Ocupaba o posto de gardameta nun equipo federado da Coruña formado por ela que levaba o seu nome: o Irene C.F. Morreu de tuberculose aos 19 anos.

24/52 Rita Fernández Queimadelos

Arquitecta

A Cañiza, 1911 – Barcelona,  2008

Finalizou os seus estudos de arquitectura en 1940. Converteuse así na terceira muller en España en obter o título de arquitecta. Traballou durante uns anos na Dirección Xeral de Rexións Devastadas, mais deixou o traballo para a crianza dos seus fillos, que retomaría como profesional libre en Murcia durante os vinte anos seguintes.

25/52 Sofía Casanova

Xornalista

A Coruña, 1861 – Poznan, 1958

Sofía Casanova  foi a segunda muller correspondente de guerra do xornalismo español. As súas continuas viaxes debidas á carreira diplomática do seu home permitíronlle ser testemuña de grandes acontecementos a principios do século XX. Os movementos sufraxistas, a Revolución bolchevique e as dúas grandes guerras europeas, constitúen algúns exemplos.

26/52 María Victoria Moreno

Mestra e escritora

Cáceres, 1939 – Pontevedra, 2005

Dedicou a súa creación literaria principalmente ao público infantil e xuvenil e dirixiu a colección “Árbore” da editorial Galaxia. Como profesora, procurou un método de ensino no que prevalecese o gozo que supón a aprendizaxe e colaborou na redacción de libros de texto. Desde a súa chegada a Galicia, con 24 anos, incorporou o uso do galego á súa vida persoal e profesional, sendo sancionada por este feito no final da Ditadura. En 2018 dedicóuselle o Día das letras galegas.

27/52 Marcela e Elisa

Mestras

María Elisa Carmen Sánchez Loriga. A Coruña, 1962- ?

Marcela Gracia Ibeas. Burgos, 1867 – ?

Coñecéronse na Escola Normal da Coruña e namoraron. Fixeron o posible por vivir xuntas mentres exercían como mestras. Conseguiron casar na Igrexa de San Xurxo da Coruña, facéndose pasar Elisa por un home. Mais o engano foi descuberto cando se trasladaron a vivir a Dumbría, como parella, polo que tiveron que fuxir primeiro a Portugal e máis tarde a Bos Aires.

28/52 Antonia e Consuelo Rodríguez López

Guerrilleiras

Consuelo Rodríguez López. Soulecín, O Barco, 1919 – Ìle de Ré, 2019

Antonia Rodríguez López. Soulecín, O Barco, 1924 – París, 2012

Tras os horrores da guerra e a represión posterior, só sobreviviron tres membros da familia de Chelo e Antonia. Os pais foron fusilados en 1939 e catro irmáns foron caendo en diferentes momentos na década de 1940. A traxedia familiar levounas á loita no movemento guerrilleiro no que colaboraron, primeiro como enlaces e máis tarde máis activamente na guerrilla, ata que tiveron que fuxir a Francia a finais dos anos 40, onde residiron ata a súa morte.

29/52 Urania Mella

Activista política e social represaliada

Vigo, 1900 – Lugo, 1945

Muller ilustrada e adiantada ao seu tempo, comprometida coa loita antifascista e defensora dos dereitos das mulleres, cunha traxectoria ligada a tarefas socio políticas dende o barrio de Lavadores. A súa loita viuse truncada polo golpe militar de 1936. Foi condenada a morte xunto co seu home. El cumpriu a súa condena, mais a dela foi conmutada por 12 anos de prisión. Morreu un mes despois de obter a súa liberdade.

30/52 Francisca Morlán
Mestra
Sada, 1901 – 1996
Malia que Pancha, nome polo que era coñecida, nunca obtivo o título de mestra, dirixiu durante décadas a súa propia escola no barrio da Tenencia en Sada. Evitou múltiples intentos de peche do local, que grazas ao seu tesón e á súa vocación se mantivo  aberto ata os anos 80, sendo Francisca case octoxenaria. Morreu na súa casa natal, sen deixar de exercer o seu labor ata o final.

31/52 María Docampo

Tradutora-intérprete

Nova York, 1918 – Oleiros, 1948

Acompañou a Castelao durante a súa estadía nos Estados Unidos de América como secretaria e intérprete. Hai investigadores que afirman que traballou para os servizos de espionaxe estadounidenses (actualmente a CIA). Foi asasinada brutalmente polo seu marido, xunto coa súa nai e a súa irmán na casa familiar de Oleiros, quizais como consecuencia polo seu labor de espía.

32/52 Xulia Minguillón

Pintora

Lugo, 1906 – Madrid, 1965

Pintora recoñecida na España da posguerra. Estudou en Madrid e iniciou a súa traxectoria pictórica en Lugo e Lourenzá, de onde era orixinaria a súa familia, e continuou en Vigo e Madrid seguindo os destinos profesionais do seu marido. A súa obra, figurativa e adecuada ao gusto da época, posúe un gran dominio técnico e amosa unha realidade un tanto dulcificada.

33/52 Luísa Villalta

Escritora e música

A Coruña, 1957-2004

É unha destacada representante da cultura galega contemporánea, tanto no ámbito musical como no literario; a súa obra abarca todos os xéneros: poesía, teatro, novela e ensaio literario, sempre dende unha perspectiva renovadora e orixinal. Ademais, foi coñecida polo seu grande activismo cultural, que de xeito constante e desinteresado levou a cabo en colaboración con diversas asociacións culturais, colectivos e proxectos de diversa índole.

34/52 Juana Capdevielle

Bibliotecaria e arquiveira represaliada

Madrid, 1905 – Rábade, 1936

Naceu en Madrid, onde estudou Filosofía e Letras.  Incorporouse  ao corpo de arquiveiros e bibliotecarios, e comezou a súa traxectoria de muller culta e progresista. Casou con Francisco Pérez Carballo, que foi nomeado gobernador civil da Coruña xusto antes do levantamento militar de 1936. Foi paseada e asasinada, abandonada ás aforas de Rábade.

35/52 Ana Kiro

Cantante

Arzúa, 1942 – Mera, Oleiros, 2010

Raíña da canción lixeira en galego. Foi pioneira en abrir un espazo para a nosa lingua nun contexto difícil dende formas musicais non tradicionais, e obtivo o éxito e a identificación do público. Aínda que no seu tempo unha parte da intelectualidade desprezouna un pouco, na actualidade a súa figura estase a converter  en icona pop da nosa música.

36/52 Maruja Roca

Fotógrafa

Castro de Rei, 1912 – Becerreá, 2011

Fotógrafa en Becerreá nos anos corenta e cincuenta. As poucas imaxes que conservamos da súa autoría dan conta da destreza que esta lucense tiña coa cámara, do seu talento para retratar o pobo, para captar a emoción nos rostros e crear escenarios soñados, e da súa gran calidade artística. A fotografía foi, ademais, o seu medio de vida e o sustento da economía familiar.

37/52 María Antonina Sanjurjo Aranaz

Xogadora de hóckey

Santiago de Compostela, 1910 – Vigo, 1939

Pioneira do deporte galego e considerada “nai” do hóckey sobre herba en Galicia. Muller de gran inquietude intelectual, estudou Peritaxe Mercantil e Dereito, estudos que compaxinou coa práctica do hóckey. Creou un equipo en Vigo e o seu compromiso levouna a formar parte do Partido Galeguista. Enfermou de tuberculose nos Estados Unidos durante unha estadía de estudos e morreu en Vigo aos 29 anos.

38/52 María Luz Morales

Xornalista

A Coruña, 1898 – Barcelona, 1980

Muller de referencia na historia do xornalismo. Pioneira, vangardista, iniciadora de xéneros, Morales é, sen dúbida, unha figura impoñente e sorprendente que goza dunha traxectoria na que ten o mérito, entre outros, de ser a primeira muller que dirixe un xornal no Estado español xa que estivo á fronte do xornal barcelonés La Vanguardia no seu período máis difícil, nos primeiros anos da Guerra Civil.

39/52 Olimpia Valencia

Médica

Baltar, 1898 – Vigo, 1987

En 1925 converteuse na primeira muller galega en obter a licenciatura en Medicina na Universidade de Santiago. O seu expediente académico inclúe dezanove matrículas de honra e premio extraordinario de licenciatura. Especializouse en Xinecoloxía. Vinculada ao galeguismo, estivo detida 4 días en 1937.  A guerra e o franquismo fixeron que vivise retirada do compromiso socio político e centrada na vida familiar e no traballo.

40/52 Ángeles Alvariño

Oceanógrafa

Ferrol, 1916 – San Diego, 2005

Foi precursora na investigación oceanográfica española e destacada científica internacional, facendo traballos de investigación en Inglaterra, onde foi a primeira muller nun barco británico de investigación en calidade de científica, e nos Estados Unidos. Chegou a descubrir 22 especies novas de organismos mariños. Tamén publicou importantes traballos científicos e posúe numerosos nomeamentos académicos en diversas universidades.

41/52 Maruxa das Cortellas

Tocadora de pandeiro

As Cortellas, Soutomaior, 1931 – 2013

Foi a única muller da súa xeración en recoller o legado do pandeiro, instrumento de percusión que estaba a piques de desaparecer. Maruxa desenvolveu a súa técnica interpretativa e converteuse nunha das tocadoras de pandeiro máis espectaculares do país. A súa figura foi clave na recuperación dos estilos interpretativos arcaicos. Nos anos 90 foi moi coñecida polas súas aparicións no programa Luar da TVG.

42/52 Emilia Pardo Bazán

Escritora e xornalista

A Coruña, 1851 – Madrid, 1921

Muller anticipada ao seu tempo que destacou en moitas facetas: escritora e xornalista prolífica, viaxeira infatigable, cosmopolita, políglota, feminista… Escribe as súas primeiras composición literarias sendo unha nena e terá unha vida creativa e profesional intensa, vinculada á escrita e ao xornalismo, dirixindo varias revistas e publicacións diversas. Fixo explícito o seu compromiso feminista e participou en institucións e entidades onde nunca as mulleres chegaran.

43/52 María Wonemburger

Matemática

Oleiros, 1924 – A Coruña, 2014

Foi unha matemática galega e investigadora, que desenvolveu a súa carreira nos Estados Unidos e  Canadá. Volveu á Coruña nos anos 80. Pese á súa relevancia internacional, especialmente co campo da álxebra, en España non foi recoñecida ata os últimos anos da súa vida. Hoxe, existe un premio co seu nome dirixido a mulleres cunha traxectoria notable no ámbito da ciencia e tecnoloxía.

44/52 Mercedes Núñez Targa

Militante antifascista represaliada

Barcelona, 1911- Vigo, 1986

Foi unha militante antifascista, loitadora polas liberdades civís contra os réximes de Franco e Hitler. Sufriu a guerra, o cárcere, o exilio e a deportación e sobreviviu aos campos de concentración nazis. Despois de varios meses no medio do horror, foi liberada polos aliados en 1945, poucos días antes da data da súa execución. En 1968 participou na creación do Partido Comunista de Galicia e en 1975 retornou a España.

45/52 Emilia Docet

Miss España e militante galeguista

Vigo, 1915 – 1995

En 1933, con dezasete anos, Emilia Docet foi elixida Miss España. Os xornais e revistas do momento dan conta da vinculación da viguesa co Partido Galeguista e o seu ideario; do contacto cos seus líderes e tamén da súa participación en actos do partido. Ademais, era unha grande afeccionada ao deporte. Estudou peritaxe mercantil e traballou nun laboratorio.

46/52 Concepción Arenal

Intelectual

Ferrol, 1820 – Vigo, 1893

Diplomada en Dereito, xornalista, precursora do feminismo poeta e autora dramática. Unha das pensadoras máis lúcidas e prestixiosas do século XIX, foi a primeira muller en asistir a unha Universidade española. Fíxoo disfrazada de home, xa que nese momento non se permitía legalmente o acceso das mulleres aos estudos superiores en España. Foi visitadora da prisión de mulleres durante dez anos. Non deixou de escribir, estudar e revisar as súas propias obras e ideas, até o fin da súa vida.

47/52 Rosario Hernández Diéguez, A Calesa

Activista represaliada

Vigo, 1916-1936

Filla dun ferroviario anarquista. Traballaba como vendedora de xornais no portal da sociedade “El Gimnasio”, na rúa do Príncipe, participaba nas manifestacións do primeiro de maio e simpatizante coas ideas do Partido socialista. Co golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 fuxiu, pero foi detida o 3 de setembro de 1936, e levada a un cuartel da Falanxe. Pouco despois foi brutalmente torturada e asasinada. O seu corpo foi fondeado na ría de Vigo, á altura das Illas Cíes.

48/52 Áurea Rodríguez

Gaiteira

Muntián, Cartelle 1897 – Lugar de falecemento descoñecido

María Aurea Rodríguez Rodríguez pode ser considerada unha pioneira entre as intérpretes da gaita en Galicia ao ser a primeira muller documentada neste sentido. Comezou a tocar en 1907 e  liderou o grupo de gaitas Os Maravillas de Cartelle, que se converteu no seu medio de subsistencia e que acadou moita sona por toda Galicia nos anos 20.

49/52 Celia Rivas

Camioneira

Fisterra, 1912-1974

Con apenas 19 anos chegou á Coruña para sacar o permiso para conducir camións. Converteuse así na primeira muller camioneira do estado e fundou a empresa Hijos de Joaquín Rivas dedicada ao transporte de peixe e marisco. Destacou por ser unha emprendedora con gran talento para a administración de recursos. Baixo o liderado de Celia a empresa mantivo clientes en todo o territorio español e empregou a numerosos veciños da súa localidade natal durante 40 anos.

50/52 Anisia Miranda

Xornalista

Cuba, 1932 – Gres, 2009

Dinamizadora e promotora da cultura galega dentro e fóra de Galicia. Estudou maxisterio en Cuba, e máis tarde xornalismo en Arxentina, onde participou do ambiente intelectual e coñeceu a Neira Vilas, co que casou e regresou a Cuba despois do triunfo da Revolución.  Na illa exerceu a súa profesión ata a xubilación. Establécese en Gres, con Xosé, e consolídase como unha escritora galega achegándose a todos os xéneros literarios.

51/52 Carmen Arias, Mimina

Artista e empresaria

A Coruña, 1921 – O Castro de Samoedo, Sada, 2013

Foi Alumna de Lolita Díaz Baliño. Nas súas clases coñecería, entre outras figuras, ao que sería o seu home, Isaac Díaz Pardo. Non puido facer a carreira de Belas Artes, primeiro por oposición paterna, e despois por antepoñer o proxecto das Cerámicas do Castro, onde tivo un papel fundamental. O mesmo sucedeu en Celtia en Arxentina e no Laboratorio de Formas de Sargadelos. A súa figura quedou invisibilizada pola carreira exitosa do seu marido.

52/52 Ruth Mathilda Anderson

Fotógrafa

Nebraska, 1893 – Nova York, 1983

Nas súas viaxes a Galicia nos anos 20, por encargo da Hispanic Society of América tomou máis de 5000 fotografías, e converteu a súa obra no maior traballo etnográfico e documental realizado sobre Galicia. Nas súas imaxes as mulleres e os rapaces teñen un gran protagonismo, a súa vida diaria, a casa, o mundo rural, o mar e os mercados. Probablemente unha das artistas que mellor retratou a esencia da nosa sociedade.

Compaxina a súa actividade como arquitecta con traballos de deseño gráfico e ilustración en distintos ámbitos. Carteis e folletos, deseño e ilustración editorial, sinaléctica e identidade corporativa son algún deles.

Nos últimos anos tivo como clientes institucións (concellos, centros de ensino, asociacións culturais…), empresas de xestión de patrimonio, editoriais e profesionais de distintos tipos. Mais tamén ofrece ilustracións personalizadas para eventos ou agasallos.

Na súa traxectoria como ilustradora e deseñadora, Rosa foi definindo una liña estética propia e recoñecible. Nos seus deseños procura múltiples significados baixo una aparencia de sinxeleza. Busca a expresividade a través do trazo, das cores planas, das figuras humanas e dos elementos naturais que incorpora nas súas ilustracións, ou por medio do simbolismo das figuras e situacións que representa.

Scroll al inicio
Ir al contenido