Xornadas sobre ciberseguridade na Estrada
Xornadas de ciberseguridade na Estrada
A Estrada profundará, entre os días 8 e 10 de outubro, na ciberseguridade. Será a través da experiencia itinerante que brinda, con instalación na Sala Abanca, o Instituto Nacional de Ciberseguridade de España (INCIBE), unha entidade dependente do Ministerio para a Transformación Dixital y de Función Pública, a través da Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais. É este un espazo que viaxa por toda España e no que a cidadanía no seu conxunto e as empresas aprenderán, dun xeito lúdico, a importancia das boas prácticas na rede.
Este espazo estará configurado para que todos os estradenses poidan tirar aproveitamento da experiencia. Deste xeito, poderá ser punto de encontro tanto para as familias como para os centros educativos, resultando tamén proveitoso para as empresas. O que se busca é facilitar unha completa concienciación en materia de ciberseguridade, xa que INCIBE persegue elevar os niveis necesarios de cultura nesta materia para que calquera usuario poida desenvolverse con confianza e seguridade na era dixital.
Dende o Instituto Nacional de Ciberseguridade de España ponse o acento en que a ciberseguridade e a confianza dixital son dous desafíos cruciais. É por iso que aposta por un conxunto de experiencias itinerantes que percorren a xeografía española para concienciar, educar, promover e divulgar a ciberseguridade para que a sociedade sexa máis coñecedora das ameazas e desafíos que enfronta.
De acceso gratuíto, o stand ofrece distintas configuracións, con tres zonas diferenciadas: área informativa, zona demostrativa e de capacitación e zona de gamificación.