Concello da Estrada

Os Reis Magos percorrerán as rúas estradenses acompañados polo Carboeiro e diversa animación musical

• As súas Maxestades de Oriente iniciarán a súa cabalgata ás 18:00 horas xunto coa Banda Municipal da Estrada, o Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso e Banda de Gaitas de Barbude.

• Tamén haberá cabezudos e lanzaranse caramelos sen glute para garantir o consumo de todas as persoas.

• En caso de que as condicións meteorolóxicas impidan realizar a cabalgata realizarase unha recepción no Teatro Principal.

O Concello da Estrada acollerá o vindeiro venres, 5 de xaneiro, a visita dos Reis Magos que percorrerán as rúas do casco urbano estradense antes de visitar os fogares para deixar os agasallos.

A cabalgata dará comezo a partir das 18:00 horas coa saída da comitiva real desde o centro de saúde, na zona da Baiuca, para percorrer nun total de cinco carrozas un itinerario que abarcará a rúa Varela Buxán, avenida Fernando Conde, rúa Ulla, rúa Calvo Sotelo, Praza de Galicia, rúa Peregrina, rúa Capitán Bernal, avenida de América, avenida Benito Vigo e recepción na praza do Concello.

Na súa visita á Estrada estarán acompañados pola música dos integrantes do Obradoiro de Música Moderna Carlos Barruso, a Banda Municipal e a Banda de Gaitas de Barbude. Ademais nunha das carrozas irá o Carboeiro para identificar a eses cativos e cativas que non se portaron ben durante o ano e tamén acompañarán o desfile cabezudos.

No desenvolvemento da cabalgata lanzaranse caramelos sen glute aptos para ser consumidos por persoas que padezan da enfermidade celíaca.

Desde o Concello infórmase que no caso de choiva leve, e sempre cando as condicións así o permitan, as súas Maxestades realizarán a cabalgata sen o acompañamento musical, e no caso de que a climatoloxía impida a realización da xornada, realizarase unha recepción no Teatro Principal.

Scroll ao inicio
Skip to content