CENTRO DE LA HABANA - ACTIVIDADES
|
Ao redor de cen persoas participan no acto do Día do Emigrante de Fillos da Estrada na Habana
Proxectouse o documental Oriúndos protagonizado por socios e socias da entidade
A Sociedade Fillos do Concello da Estrada celebrou o pasado 14 de decembro a súa actividade anual en saúdo ao Día do Emigrante e polo fin de ano, no salón de actos a Asociación Canaria de Cuba Leonor Pérez Cabrera da capital cubana, coa participación de case un centenar de asistentes.
O encontro comezou cun forte aplauso tributado ao presidente da entidade, Servando Oubel Feros, e aos directivos e directivas Sofía Soto González, Mariño López López, Carmen Fariñas Durán e José María Teo Barcalá, todos naturais da Estrada que emigraron a Cuba desde moi novas.
O directivo Antonio Torres Pérez declamou o poema “Que sorte”, inspirado nunha canción de Alberto Cortés, e a continuación proxectáronse fragmentos do documental Oriúndos, material audiovisual realizado pola sociedade no ano 2008 que recolle valiosos testemuños da vida destas persoas emigrantes e doutras xa falecidas, como Luís Barros Brea, Pelayo Torrado Ponte, Dores Bermúdez Chedas e o profesor Manuel Pena Villamañán.
A pincelada cultural estivo a cargo do grupo infantil de danza Sorriso cubano de Fillos da Estrada na Habana e que está dirixido pola profesora Ruth Díaz Babot que interpretou unha selección de números do folclore galego. Concluída a presentación ofreceuse un bufete ás persoas participantes na cafetería ao aire libre desta sociedade.
NOTA:
Durante o encontro fixo uso da palabra a secretaria social, Gódula C. Rodríguez Señarís, quen lembrou aos participantes as orixes desta celebración con emigrantes naturais da Estrada, unha celebración que xa chegou este ano á súa VIN edición, así mesmo falou sobre os preparativos que levan a cabo para a celebración do centenario da sociedade no ano 2015. Entre os invitados ao xantar atopábase a nova e talentosa directora da Banda Nacional de Concertos de Cuba, Verónica do Porto, quen traballa na instrumentación de dúas das obras do profesor Javier Comesañas Pereira, "Cen anos hai" e "Evocación habanera" coa finalidade de que a interprete esta prestixiosa agrupación musical durante os actos de celebración do centenario de Fillos da Estrada na Habana en 2015.