O Concello da Estrada por medio das concellerías de deportes e servizos sociais, vista a boa acollida que tiveron as andainas do mes de maio do programa “Voltamos ás andainas”, oferta dous roteiros a maiores para os sábados días 5 e 12 de xuño.
O procedemento para poder participar nas andainas é o mesmo que nas anteriores: todos os roterios teñen as prazas limitadas con grupos reducidos a 20 persoas guiados por dous monitores para cumprir a normativa vixente. Haberá que formalizar unha inscrición previa no rexistro do concello ou pola sede electrónica cumprimentando ficha e adxuntando fotocopia do DNI. No caso de rematar o prazo de inscrición e non estar cubertas as prazas de cada roteiro, abriranse as prazas a todas as idades.
Os dous roteiros, que serán circulares con saída e chegada no mesmo punto, terán horario de saída ás 17 horas, e serán os seguintes:
- Sábado día 5: Ponte Liñares e Sobreira de Callobre. Fin prazo: día 3
Saída e chegada praza do Concello.
- Sábado día 12: Praia Fluvial - Paradela e Trasmonte. Fin prazo: día 10
Saída e chegada Praia Fluvial Moreira.
A distancia dos mesmos é de 10 quilómetros, cunha duración de 3 horas e quince minutos aproximadamente. Nivel de dificultade baixo.
Cada participante poderase inscribir nas dúas andainas.
Na saída de cada roteiro, darase unha peza de froita e un botellín de auga por persoa para a realización da actividade.