Premio de Novela García Barros 2008 - 2010

 

2010 - XXII Edición - 1º Premio

 

 Obediencia 20101

 

 

Antón Lopo

OBEDIENCIA
 
 

“Mácara excítase do seu propio discurso. “O azar non existe porque no azar non hai sentido, pero é posible decidir contextos difusos. Os números manifestan o ritmo na entropía do sistema e a velocidade á cal se crea información”. “Segue polos vieiros dogmáticos. Aí comezou a súa paranoia”. “A solución á Incógnita de Córgomo reside nas dilatacións antecipatorias”, e cruza as pernas. Apoia o barbarote nos cotenos, “Vostede elixiu a súa coordenada, o 0919, e eu podo tracexar a súa dilatación. Sei cal é o seu futuro inmediato”, e Bas, sen poder reprimir un pouso de agrado, dabotoa a chaqueta, “Déame a proba de que o sabe”. “Tena diante”. “Non me tome o pelo. ¿Crese acaso unha elixida, unha profeta, unha vía de luz? ¡Está máis louca do que imaxinaba!” “Non está só, Bas. No seu interior, habita unha voz que o induce a tomar decisións e hoxe tomará unha decisión que cambiará a súa vida. É unha voz que o acompaña desde hai exactamente doce anos.

O microvisor de Bas deixa de proporcionarlle datos e emprende unha transmisión de algoritmos incomprensibles”.

2009 - XXI Edición - 1º Premio

 

Un tipo listo 20093

 

Xosé Monteagudo

UN TIPO LISTO

“Xa non o recordo. Pero non ten ningún interese para o caso. Podía ser a licenza para construír unha casa, o permiso para facer un cerrume ou a autorización para levantar un alboio en terreo do común. Nin sequera importaba demasiado o rendido pola acción. O punto crítico do asunto estaba en que o veciño de Forcarei que pretendía facer a obra presentárase no concello e a cambio do permiso que solicitaba ofrecéralle a teu pai unha certa cantidade de diñeiro. E resulta que teu pai rexeitouna, completamente escandalizado. Non só iso. Durante aquel xantar incluso pretendía convencerme a min  que esa era a maneira correcta de proceder. Dáste conta? O seu xesto conspiraba directamente contra o Sistema. Tívenllo que dicir así de claro. O que ti es é un comunista que pretende destruír o Sistema desde dentro, díxenlle. Entón el quedou calado, atemorizado polas miñas palabras. Pero no fondo non estaba convencido.

-E convenceuno?

-Coido que si. Daquela pregunteille se consideraba que o seu tempo valía cartos”.

2008 - XX Edición - 1º Premio

   Shakespeare destilado 20082
 

Xesús Constela

SHAKESPEARE DESTILADO

“E que reflexionas, Willy?, pregunteille. Pois reflexionaba que qué triste sería o mundo se non existise a potencia do sol, capaz de insuflar vida nos seus habitantes, ese faro que combate a noite, a escuridade, a tebra, contestoume. Vaia unhas cousas nas que pensaba. Que a Terra habería converterse na máis inerte das rochas a aboiar polo espazo sen rumbo fixo por toda unha eternidade. Que non sería máis ca un planeta a piques de esmorecer dun xeito definitivo e inevitábel, a Terra, un barco fantasma habitado por seres perdidos a tropezaren entre eles de continuo, a bateren sen querer contra todos os obxectos que atopasen ao seu paso, unha cova inmensa poboada de morcegos, a Terra, sen ocos por onde puidera abrirse paso unha raiola de sol, esa luz tan necesaria como o osíxeno que necesitamos respirar, coma os alimentos que temos que comer cada día, coma a auga na que viven as criaturas do mar. Era intelixente de carallo, o Willy”.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1