Cimadevila Cea, Ramiro
De estilo realista, resalta a súa visión profundamente sentimental das súas paisaxes e das súas naturezas mortas, compostas por obxectos cotiáns.
Biografía
Mes de febreiro, curto e frío.
Na noite silente, folerpas de neve tecen, nos cómaros da Devesa, un berce branco, impoluto.
Nos arrós de Piñeiro, os tenros pompóns das verdes mimosas amarelecen. Senten degoiros duns camavais ao trote polos carreiros dos días.
Na mañá do día cinco, no fogar dos Cimadevila Cea, freguesía de San Xurxo de Vea, un brado forte racha o silencio da alcoba. O neófito Ramiro anuncia unha nova vida. Ano 1957.
O rapaz, infancia responsable, axuda na crianza da saga familiar. No tempo, cumpre coa obriga escolar. Observador e lizgaíro, nos cadernos ensarilla debuxos con números, debuxos con letras. Decote debuxos, decote grafías.
Ramiro, adolescente, comeza a súa xeira vital como pintor.
Interiores de edificios de Compostela saben da aprendizaxe sutil do mozo.
Na fronteira da xuventude, a Mariola de Couso, peite de salmóns e reos, representa un fito na personalidade de Ramiro. Aquela primeira pintura xungue a orela da brocha e da escada coa ribeira do pincel e do cabalete.
Vivencia obrigada: soldado en Barcelona.
Naquela cidade, de pinturas a esgalla: Parque Güelll, Sagrada Familia, Tibidabo, sabe Ramiro de cores quentes e cores frías. Alí, os anceios de neno trócanse realidade e comeza a creación de cadros ao óleo, ao pastel, a acuarela.
Á volta, en Galicia, o tren da vida precisa, de novo, de vagóns económicos. Neles sigue presente a brocha, o rodillo, os caldeiros. Non obstante, a paixón polo óleo aperta con forza e un acolledor recuncho da súa casa mostra paletas, lenzos, trípodes. Nel, as horas de lecer de Ramiro transcorren de presa nese labor sempre desexado.
Unha pintora experta, Elisa Abalo, coñece e valora as aptitudes de Ramiro. No estudio, a mestra faino partícipe nos secretos e técnicas pictóricas.
Xa Ramiro é pintor de dobre modalidade.
Anos e anos autodidacta con paixón, na actualidade Ramiro móstrase como un artista pintor cun agudo sentido da observación do entrono.
A través da súa pintura, de ampla temática (bodegóns, mariñas, paisaxes), déixanos a pegada persoal do seu realismo, mergullado nun sentimento saído en fervenza dos seus pinceis. A suave gradación da luz, a serena tonalidade da cor imprimen unha tenra frescura a todas as súas obras.