Concello da Estrada

A veciñanza estradense poderá seguir os plenos en directo grazas á implantación dun sistema de streaming

O Concello da Estrada anuncia a implantación dun novo sistema de gravación e retransmisión dos plenos municipais. Este sistema, que entrará en vigor coa celebración da vindeira sesión plenaria, permitirá a todos os veciños e veciñas acceder ás mesmas en directo, promovendo unha maior transparencia.

O novo sistema de gravación e retransmisión dos plenos fai emprego de tecnoloxía de última xeración para garantir a calidade e a fiabilidade das gravacións. As sesións plenarias gravaranse en alta definición e retransmitiranse en tempo real a través da páxina web municipal http://www.aestrada.gal.

Este novo sistema de gravación e retransmisión dos plenos ofrece numerosos beneficios para os veciños. En primeiro lugar, aumenta a transparencia e a accesibilidade das sesións plenarias, o que permite á cidadanía estar mellor informada sobre todas as decisións tomadas.

Ademais, o sistema tamén permite aos cidadáns acceder ás sesións plenarias desde calquera lugar e en calquera momento, o que aumenta a participación cidadá na vida política do municipio.

O novo equipamento está composto por 4 cámaras; 2 cámaras PTZ (Pan-Tilt- Zoom) situadas nos laterais para primeiros planos ou planos cortos; unha cámara Panorámica; unha cámara para votacións. Ademais tamén inclúe un sistema de microfonía con unidade de debates dixital, unha plataforma de gravación e reprodución de vídeo. Tamén se xerará unha vídeoacta en formato electrónico cos documentos integrados e asinada de xeito electrónico, un portal de reprodución de vídeos onde visualizar as gravacións, minutadas por intervención e puntos.

O edil de Novas Tecnoloxías, Conectividade e Reto Demográfico, Manuel Magariños, indica que con este novo sistema “búscase implicar á veciñanza nas sesións plenarias, co fin de que estean informados e sexan partícipes das decisións que se adoptan nestas”. Tamén recordou que coa implementación da retransmisión en directo “facilitamos o achegamento de todos os veciños e veciñas, evitando desprazamentos e garantindo que calquera persoa das 51 parroquias que integran o municipio poida ver os plenos desde o seu fogar”.

Scroll ao inicio
Skip to content