Concello da Estrada

A Estrada promove unha serie de actividades reivindicativas de cara ao Día Mundial da Eliminación da Violencia contra a Muller

O día 24 de novembro terá lugar un acto institucional ás 20:30 horas na praza do Concello, onde a concelleira, Amalia Goldar, lerá un manifesto en contra das violencias machistas.

Ademais tamén se realizará un scape room reivindicativo nos centros de ensinanza secundaria do municipio.

Un ano máis, o Concello da Estrada conmemorará o 25 de novembro, Dia Mundial da eliminación da violencia contra a Muller, promovendo unha serie de actividades reivindicativas entre a veciñanza e o alumnado local.

O acto principal desta programación terá lugar este venres, 24 de novembro, e como tódolos anos, celebrarase unha concentración simbólica as 20:30 horas diante do Concello en recordo das vítimas e a modo de repulsa da violencia machista.

Para dar unha maior visibilidade, colgarase unha pancarta na fachada do consistorio durante esta semana e pola noite iluminarase a fachada con luces violeta, cor simbólica desta loita social.

Desde o goberno local anímase a que todas as persoas participen e se sumen a esta concentración, incidindo en que a violencia machista é un problema que necesita que toda a cidadanía se implique na súa erradicación.

No mesmo acto, a edil, Amalia Goldar, será a encargada de ler un manifesto institucional aprobado polos grupos PP, PSOE e MÓVETE no pleno ordinario do mes de novembro, e no que se mostrará o compromiso unánime destas tres agrupacións nesta loita que ano tras ano non cesa.

Igualmente, conscientes da importancia da prevención e da detección precoz das condutas violentas, desde o CIM do Concello da Estrada impulsarase unha actividade subvencionada a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero sobre a sensibilización en violencia de xénero.

Dita proposta, enmarcada dentro da posta en marcha do Plan de Igualdade Municipal, consistirá este ano nun scape room realizado co alumnado de educación secundaria dos IES Manuel García Barros, IES Antón Losada Diéguez, IES número 1 e CPR Plurilingüe Nosa Señora de Lourdes. Realizaranse entre os días 27 de novembro e 5 de decembro de 2023 nos horarios que cada centro dispuxo.

A maiores, promoveranse outras iniciativas como a disposición dunha mesa informativa no Centro de saúde para dar visibilidade aos recursos existentes en contra da violencia de xénero e mostrar a importancia da colaboración e coordinación entre o CIM e os servizos sanitarios. Asemade, desde o CIM tamén se informa que se está a traballar na actualización do protocolo da Mesa Local contra a violencia de xénero, polo que nas vindeiras datas convocarase a todos os participantes para a presentación das novas incluídas neste protocolo, que leva en funcionamento desde 2010. Finalmente, tamén se dará continuación á difusión da APP Benquéro (ME)

Ciclo teatral no Teatro Principal durante o mes de novembro

Durante o mes de novembro o Concello da Estrada, a través da área de Cultura en colaboración co Centro de Información á Muller, puxo en marcha un ciclo teatral para conmemorar o Día Internacional da Violencia contra a Muller.

En total a programación incluíu cinco os eventos cun prezo reducido de 3,00€ e cunha oferta de convites dirixida a todas asociacións de mulleres do Concello da Estrada. As propostas deste ciclo foron o parladoiro coa poeta Yolanda Castaño e as representacións das obras Great Greta, Santa Inés, As Alumnas e Brokeback Sabucedo, programada para este venres, 24 de novembro.

Scroll ao inicio
Skip to content