Concello da Estrada

A Estrada congregou a milleiros de asistentes nun dos seus entroidos máis concorridos

  • Os concursos de disfraces e comparsas foron os grandes animadores tanto no casco urbano como nas parroquias.
  • Couso e Guimarei celebraron de novo este ano as súas festas de entroido.
  • A programación pecharase o vindeiro sábado co enterro do Salmón, con saída desde a Porta do Sol ás 19.00 horas.

O Concello da Estrada fai balance dos cinco días de festexos de entroido nos cales recibiu a milleiros de visitantes para gozar da diversa oferta de actividades propostas para estas datas.

O concurso de disfraces promovido pola Asociación de Hostaleiros da Estrada deu o pistoletazo de saída o pasado venres, enchendo os locais participantes na iniciativa coa maxia do entroido. Tamén durante a fin de semana o Novo Mercada acolleu un baile de disfraces infantil con merenda de balde para os asistentes e a residencia da terceira idade un baile para maiores no que tamén se incluíu a degustación de doces entroideiros.

Pola súa parte, Couso recuperou o seu tradicional entroido logo de oito anos cunha xornada cargada de simbolismo na que a comitiva entroideira percorreu a parroquia cos seus vivas e coplas. Non faltaron tampouco os encontros de Correos e Xenerais e a danza tradicional do Entroido do Ulla.

O luns o protagonismo recaeu no concurso de disfraces e desfile, que contou coa participación dun total de once agrupacións. Os premios grupais viaxaron todos ao sur da provincia, pois a Comparsa Ciclón de Tomiño fíxose co primeiro premio grazas á súa interpretación de Notre Damme, seguida da comparsa Talismán de Salceda de Caselas a Asociación Cultural Comparsas Luces de Tomiño, en segundo e terceiro lugar respectivamente.

Tamén Guimarei gozou o luns dunha xornada repleta de propostas que culminou cunha verbena coas orquestras París de Noia e Finisterre.

O martes de entroido, o desfile de comparsas captou a atención do público grazas ás súas referencias a temáticas municipais. Ademais das nove agrupacións, ata catro ANPAS non perderon ocasión de desfilar nunha tarde na que tamén actuou o Padre Xiao, dando paso ao encontros dos Correos e Xenerais.

 

Scroll ao inicio
Skip to content