Concello da Estrada

A Estrada acolle este venres un obradoiro de alimentación saudable

Coincidindo co mes no que se conmemora o Día Mundial da Obesidade, o Concello da Estrada promove este venres, 15 de marzo, un obradoiro de alimentación saudable, que terá lugar ás 11:00 horas, na Sala MOME.

O taller porá o foco de atención na consciencia real sobre a alimentación, tentando resolver preguntas como: ‘Sabes realmente o que comes?’. As persoas participantes aprenderán, entre outras cousas, a descifrar unha etiqueta nutricional para coñecer os compoñentes que se atopan nos produtos que consomen.

As persoas encargadas do faladoiro serán Paula Mariño, dietista nutricionista e investigadora posdoctoral; María Amosa Serto e María Francisca Leis Moledo, enfermeiras especialistas en atención familiar e comunitaria; e Montserrat Seoane Bello, enfermeira residente en atención familiar e comunitaria. O obradoiro, que conta coa colaboración do Concello da Estrada, está organizado polo centro de saúde da localidade.

O pasado 4 de marzo, conmemorouse o Día Mundial da Obesidade, que busca concienciar sobre o dano que provoca no organismo unha dieta alta en graxas e azucres. Os alimentos ultra procesados están á orde do día e é importante coñecer os produtos que inxerimos para poder levar unha alimentación sa e consciente. O obradoiro achegará as chaves principais para unha nutrición equilibrada, en prol do beneficio da nosa saúde.

Scroll ao inicio
Skip to content