O Concello da Estrada prepara un plan con Augas de Galicia para dotar de servizo a 450 vivendas

26 Febreiro 2019

O Concello da Estrada está traballando con Augas de Galicia nun proxecto que persegue o obxectivo de dotar de subministro a arredor de 450 vivendas do rural. Este novo enganche á traída suporá a instalación de 11.600 metros de canalizacións para a condución da auga ata os fogares e Augas cifra o investimento arredor dos 715.000 euros, explicou hoxe o alcalde, José López.

 

A auga, xa tratada, sairá do acceso á rede troncal da traída procedente de Parada e abastecerá aos núcleos de A Carballeira, Constenla, O Pazo, A Consolación, Outeiro, Piñoi, As Quintas, Sar, Tabeirós, Tosar e Vilarreal.

 

López indicou tamén que esta semana recibiuse no Concello unha comunicación por parte de Augas de Galicia para iniciar os trámites de compromiso na actuación financeira, proceso a través do cal, a administración local se comprometería a sufragar parte desta actuación de modo que sexa financiada por ambas institucións.

 

Antes da firma do convenio entre as dúas partes é preciso realizar unha fase de exposición pública e participación a fin de que a veciñanza coñeza o proxecto, tome partido e poida expresar as súas necesidades de modo que todas aquelas persoas que queiran conectarse á rede non se queden fóra, sinalou o alcalde, e matizou que se trata dunha obra importante e que non tería sentido facela para que os veciños non se conecten ao final.

 

Aparte dos máis de 11 quilómetros de canalizacións que haberá que instalar, para prover de servizo Ás Quintas, Tosar e Outeiriños haberá que construír unha canalización dirixida por debaixo da estrada que da acceso aos tres núcleos.

 

Para o caso de Codeseda existe outro proxecto posto en marcha pola administración local, cun orzamento de 88.000 euros procedentes de remanentes do Concello para o que, a través de perforacións dirixidas, extraerase auga captada na zona de Barro que será tratada e almacenada nun novo depósito de 40.000 litros.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1