Mañá comezará a homenaxe a Rosalía no Teatro Principal

21 Febreiro 2019

Mañá, 22 de febreiro, dará comezo a homenaxe a Rosalía de Castro mediante un recital de poesía e a posterior proxección do vídeoclip Estás en min. O acto comezará a partir das 20:00 horas no Teatro Principal.

 

O Club de Lectura da Estrada e diversos clubs deportivos, entre os que se contan a Escola de fútbol, o Club de natación e salvamento, o Club ciclista estradense, Diverpatín, o RC Tenis e o EDM Baloncesto, serán os encargados de recitar os poemas nos primeiros compases da gala.

 

Seguidamente proxectarase o videoclip Estás en min, gravado coa colaboración de boa parte dos músicos e bandas estradenses nun evento que evoca unha declaración de amor ao legado literario e vital da poetisa que se resume no título elixido para a peza.

 

Este clip ve cara o panorama internacional, onde atopa inspiración para o seu lema a través da composición de Ben E. King, Stand by me, e no proxecto musical de Mark Johnson, Playing for change,  que trata de conectar todo o planeta a través da música, aínda que de maneira escalada.

 

Como metáfora desa unión na interpretación e gravación desa canción na que se vai sumando a participación de músicos de todo o mundo, Estás en min pretende unir aos artistas e bandas estradenses de diversa procedencia musical no reto de renderlle homenaxe a Rosalía.

 

Como resultado obtívose unha peza audiovisual da man de Lucas Terceiro e Valentín Torrado na que interveñen, tomando como base o videoclip de Mark Johnson, bandas estradenses como Gabriel Estrada, (Plan Siberia), Pablo Carracedo “Jasper” e Gustavo Brea (Nao), Xurxo Rodríguez (Esquíos), Andrea Porto (A Banda da Loba), Lucía Azurmendi e Juan Núñez (The Bichos Band) e artistas como Anxo Fernández, Manuel Brey, Paco Guerra, Fernando Sanmartín, Xosé Manuel Marque, Jesús Carbia, Sheila Carbia, Saleta Lueiro, Nuria García, Ángela Eiras, Lía Vázquez, Nagore Fernández e Noa Baloira.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1