O Concello xa conta coa autorización da Xunta para o inicio da actividade do Centro de día

18 Febreiro 2019

O Concello da Estrada xa recibiu a autorización da Xunta de Galicia para o inicio da actividade do Centro de día, segundo informou hoxe o alcalde da localidade, José López Campos. Actualmente estase a modificar o regulamento do centro antes de proceder á apertura das inscricións.

 

Dende o Consistorio estímase que o centro estea plenamente operativo e en funcionamento para principios de marzo, á espera de que a Xunta estableza a data de inicio da actividade. Entre tanto, a Asociación Agadea está a traballar na modificación do regulamento de cara ao proceso selectivo.

 

A asociación será a encargada de avaliar ás persoas que opten a ocupar unha praza nas instalacións do centro segundo os criterios recollidos nese documento, que deberán de acudir ao departamento de Servizos Sociais do Concello, situado na planta baixa do Consistorio, para solicitar a entrada no Centro de día.

 

López atopou preciso matizar que, aínda que o servizo ten un custo de 590 euros mensuais por usuario (en xornada completa), trátase dunha iniciativa subvencionada, incorporada na carteira de dependencia da Consellería de Servizos Sociais da Xunta de Galicia, sempre que se teña solicitado o Plan Individual  de Atención (PIA).

 

A pesar de que algunha persoa estivese xa subscrita ao PIA non se lle podía ofertar este servizo ata agora porque non existía o centro, explicou o alcalde, polo que a partir de agora se poderán beneficiar deste servizo subvencionado total ou parcialmente en función da renta e propiedades de cada solicitante.

 

Ao longo deste mes abrirase o prazo de presentación de solicitudes, que permanecerá aberto dende ese momento. Unha vez cubertas as prazas dispoñibles iranse cubrindo as baixas xeradas polos usuarios en curso seguindo a orde da lista de espera.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1