Está previsto que maña se proceda á retirada da antena telefónica situada na Avenida de Benito Vigo, para o que a empresa encargada de realizar o traballo conta cunha autorización do Concello para a ocupación da vía pública entre as 8:30 e as 13:00 horas, segundo informou hoxe o alcalde da Estrada, José López Campos.
A empresa propietaria non está de acordo coa retirada da antena e presentou recursos contra esta decisión alegando que cumpre cos parámetros indicados por Industria, sen embargo, o incumprimento das condicións urbanísticas é suficiente para proceder á súa eliminación.
Existía ese compromiso cos veciños da zona, que dende fai tempo sufrían e se queixaban de que a antena provocaba emisións que lles ocasionaba interferencias con diferentes electrodomésticos e lles ocasionaban diversas problemáticas, expuxo López, antes de repetir que o Concello está de parte dos veciños que viven esta situación.
Pola súa parte, a empresa manifestou ao Concello a súa intención de pedir unha nova licencia para colocar unha nova antena, para o que precisan obter as autorizacións de Industria antes de presentar a solicitude ante o Consistorio.