O Centro de Día da Estrada recibe inspección da Xunta de Galicia

29 Xaneiro 2019

O Centro de Día da Estrada recibiu hoxe a visita da inspectora da Xunta de Galicia. Existen tres incidencias menores que solucionar antes de que a Administración remita o Permiso para o Inicio da Actividade (PIA), explicou o alcalde, José López Campos.

 

Estas incidencias comprenden a colocación dos carteis identificadores de cada espazo, que xa están encargados, un curso de formación complementaria dunha das técnicas e o aporte do plano onde se modifiquen os usos dos espazos definidos na obra, no que dúas salas intercambiaron os seus lugares provocando un desaxuste sobre o plano.

 

Unha vez resoltas estas incidencias, xustificarase con fotografías do local a coincidencia cos planos e solicitarase o PIA como autorización para comezar a prestar o servizo ao longo de febreiro, segundo preveu López, quen dixo que o equipo de goberno pode sentirse orgulloso de pór en marcha unhas instalacións de máis de 800 metros cadrados dedicados ao Centro de Día.

 

Estimou tamén que as 40 prazas a xornada partida lle parecen suficientes polo momento e que as de xornada completa, aínda que suficientes, serán máis solicitadas. Outro punto importante que requiriu de atención foi o do transporte, engadiu, algo que era fundamental para o proxecto, xa que permitirá levar e traer ao centro e aos seus domicilios aos usuarios e permitirá que as familias se despreocupen durante ese respiro familiar no que os maiores estarán con terapeutas e profesionais cualificados ata o fin da xornada.

 

Actualmente está tamén aprobado o plan funcional e o regulamento do centro, que se desenvolveu en colaboración con Agadea, a través do cal se realizará a valoración dos usuarios de cara ás inscricións.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1