A Estrada albergará en marzo a Gala do Atletismo Galego 2019

18 Xaneiro 2019

O alcalde da Estrada, José López Campos, mantivo hoxe unha reunión co presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos, trala que este último afirmou que planea converter a localidade na sede onde se vaia a celebrar o vindeiro mes de marzo a Gala do Atletismo Galego 2019.

 

Durante o encontro, López felicitou ao presidente pola recente renovación do mandato ao fronte da federación dun deporte no que, en poucos anos, A Estrada sufriu unha “transformación extraordinaria” e pasou de ser un deporte minoritario a un dos máis practicados pola veciñanza.

 

A raíz deste incremento na cantidade de atletas, da celebración de probas nas instalacións da Academia Galega de Seguridade e encamiñadas á preparación das probas físicas dos exames de acceso á Policía Nacional ou Local e Bombeiros, faise máis notable a carencia nas infraestruturas que posúe o Concello.

 

Esta reunión tivo tamén ese compoñente crítico que nos insta a traballar conxuntamente coa Xunta de Galicia e coa Federación Galega de Atletismo no camiño de conseguir esa pista de atletismo que A Estrada merece e a que non podemos renunciar, explicou López.

 

Non é un proxecto fácil, porque para a construción dunha pista de atletismo, o ideal é que posúa as medidas estándar, tal como apuntou Hornillos. Unha pista de oito rúas de 400 metros de lonxitude que debería contar cunhas dimensións mínimas de 186 metros de largo e 100 de ancho ás que habería que engadir espazo para gradas e bancadas, matizou.

 

O difícil é buscar un terreo de dúas hectáreas cunha conformación determinada, non moi aloxado da zona deportiva, porque non tería sentido, onde encaixe o proxecto, subliñou o alcalde, que engadiu que é a única instalación deportiva que falta na localidade.

 

Para finalizar, o presidente da federación afirmou que esa obra ten asegurada a rentabilidade que se busca, xa que existen clubs e practicantes de atletismo, polo que é unha inversión segura nun concello no que existen máis de 250 nenos que practican este deporte e que están supervisados aquí por grandes adestradores, rematou.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1