O Concello pretende desenvolver un plan director de saneamento rural

O Concello da Estrada reuniuse onte con membros da consultora Idom con vistas a desenvolver un plan director de saneamento rural, segundo informou onte o alcalde, José López Campos. Tratarase de realizar un estudo que precise a forma de actuación máis axeitada para as condicións do rural estradense.

 

Todas as medidas levadas a cabo no rural polo de agora son actuacións illadas, polo que se pretende encargar un estudo integral á compañía que detecte cales son as necesidades de cada parroquia e territorio, atendendo principalmente ás cargas contaminantes nos cursos fluviais e determine a mellor forma de actuar ao respecto.

 

A idea é realizar un estudo sobre o que traballar nun futuro. Un estudo que aporte a valoración, custo aproximado das actuacións e a planificación axeitada para afrontar cada escenario acadando os mellores resultados. Se sabemos que tipo de depuracións están funcionando mellor para núcleos reducidos, ou especificamente para cada unha das nosas situacións, poderemos tomar a mellor das decisións, explicou López.

 

Trátase de planificar primeiro para despois actuar. Coa previsión da chegada de recursos europeos é axeitado ir preparando o terreo para a futura introdución de depuradoras ben dimensionadas, cun mantemento axeitado e uns proxectos adecuados ás condicións do terreo, rematou o rexedor local.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1