López e Feijóo implicados coa conciliación familiar e a natalidade

Na visita á escola infantil da Galiña azul do concello da Estrada programada para onte, tanto o alcalde, José López Campos, coma o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, amosaron a súa preocupación á hora de favorecer a conciliación familiar e as taxas de natalidade, e a importancia de adoptar medidas eficientes orientadas cara a consecución dese obxectivo como recurso ante o despoboamento da comunidade.

 

Nuñez Feijóo acudiu á visita da escola coa conselleira de Política Social, Fabiola García, e percorreron as instalacións do centro acompañados polo rexedor local e a concelleira de Educación, Amalia Goldar, mentres observaban as actividades e métodos de ensinanza que forman parte das rutinas dos nenos.

 

Unha vez rematada a inspección das instalacións, López comezou a súa intervención agradecendo a visita presidencial a unha obra largo tempo esperada polos estradenses, rapidamente fixou a mira sobre o problema que o envellecemento e o despoboamento supón, xa non só para as localidades do interior de Galicia, senón para toda a comunidade, e concretar que esta situación non pode ter solución se non é a través da implicación conxunta de todas as administracións públicas a través da adopción de medidas que permitan paliar os síntomas.

 

Por ese motivo, non había un escenario mellor onde tratar esa cuestión que na nova escola infantil da Galiña azul, posta en marcha para o comezo do presente curso e que permitiu que a localidade pasase de ter problemas de déficit de prazas a unha situación na que a Estrada ostenta unha das maiores taxas de cobertura de escolas infantís da comunidade.

 

A posta en marcha e a aposta por proxectos coma este é un orgullo para a Estrada, que xa conta con dúas escolas infantís, e que xunto con iniciativas coma o centro de día, que se porá en funcionamento proximamente, supoñen a crave para paliar os problemas demográficos, apuntou o alcalde.

 

Deseguido tomou a palabra o presidente da Xunta, para felicitar a todos os implicados na construción do centro, do que afirmou que ten gran importancia arquitectónica e estética, pero tamén simbólica, en referencia á elección dos materiais que conforman un edificio maioritariamente construído en madeira nunha localidade que é un referente e sinónimo do moble, da ebanistería e da carpintaría de primeiro nivel coma o é A Estrada.

 

E seguindo co discurso do alcalde lembrou que é unha obriga emprender políticas de conciliación e aportar ferramentas para rebaixar un impacto demográfico que xa hai en toda España e na maior parte de Europa, matizou. Unha desas ferramentas é a creación de centros coma este, que aportan unha capacidade de 74 prazas para que os proxenitores teñan opcións de conciliación e que case ven a dobrar a cantidade de alumnos que se poden matricular na Estrada, situando a cifra en 208 prazas.

 

Tamén sinalou a importancia da creación de máis espazos como o que esta localidade está levando a cabo na zona da Baiuca, onde o centro de saúde se unirá proximamente ao que xa ocupa a escola, creando unha zona dirixida aos cidadáns, á ensinanza e o benestar, concretou Feijóo, quen tamén fixo un chamamento ás empresas privadas, ás que pediu que non vexan ás traballadoras embarazadas como un problema, senón como un motivo de celebración e que asuman a conciliación como un compromiso social e económico que precisa de apoio xa que, sen nenos e nenas, o porvir de calquera sociedade estaría comprometido, sentenciou.

 

A continuación expuxo que administración autonómica investirá 36 millóns de euros na tarxeta social benvida a fin de fomentar a natalidade, pola que os proxenitores poderán optar a unha axuda económica ata que os seus fillos cumpran os 3 anos, así como iniciativas coma o “bono coidado”, para cando un fillo ou coidador cae enfermo, que o ano pasado solicitaron 400 familias e que este ano quintuplicará o seu investimento.

 

Para rematar lembrou que cada ano morren entre 31.000 e 32.000 galegos e se rexistran arredor de 20.000 nacementos, pero que a adopción de medidas para fomentar a natalidade e de conciliación poden resolver o problema, polo que quixo enviar unha mensaxe de optimismo e compromiso, pero lembrando que só con compromiso pode haber optimismo.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1