O Concello da Estrada sacará a concurso seis postos da praza

07 Xaneiro 2019

O Concello da Estrada sacará a concurso seis postos da praza de abastos, no Novo Mercado, dos cales, tres están ocupados de forma gratuíta e temporal dende hai máis de cinco meses, segundo explicou hoxe o concelleiro de Promoción Económica, Óscar Durán.

 

Os postos sairán a concurso baixo as mesmas condicións que posúen actualmente os empresarios que ostentan os fixos. Despois dunha estadía de varios meses de maneira temporal, as persoas que ocupan os postos poderán valorar se queren optar a facerse con eles de forma permanente, indicou o concelleiro.

 

Dependendo dos postos vacantes que se vaian a ocupar e no caso de que algún ou varios deles quedasen dispoñibles trala fase de concurso, Durán anticipou diferentes propostas, tales como o establecemento dun dos postos como lugar de promoción temporal destinado a emprendedores, onde diferentes profesionais podan expor as súas mercancías por quendas ou estudar a posibilidade de materializar algún proxecto en colaboración coa asociación de hostaleiros de forma permanente.

 

Actualmente o Novo Mercado conta con sete postos fixos e non se descarta tampouco a apertura dunha cafetería, para a que actualmente se está a traballar sobre as condicións que deberían regular a súa apertura.

 

Para a posta en valor do Novo Mercado, a concellería está a estudar os resultados obtidos das enquisas de satisfacción realizadas despois das seis primeiras feiras de produtos ecolóxicos e valorar así as preferencias dos consumidores con vista á posta en marcha de novos proxectos no recinto, dos que avanzou que xa está pensando en realizar outra edición de Saborea A Estrada, coa inclusión de actividades e a participación de tres colexios do rural.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1