López fai balance deste último ano de lexislatura

O alcalde da Estrada, José López Campos, reuniuse hoxe cos medios de comunicación para facer balance deste último ano de lexislatura. De como os proxectos comezados fai anos chegaron a unha fase de materialización en 2018.

 

Comezou agradecendo aos medios autonómicos os esforzos que fan ao manter delegacións en cada municipio, conscientes da importancia que ten para a veciñanza o conxunto de noticias municipais e locais pertencentes a cada rexión, así como a resolución dos contratempos que xorden a diario.

 

Esta cobertura informativa detallada é a que permite aos cidadáns ter conta da evolución dos proxectos iniciados polas administracións locais, que non son cousas de meses, matizou López, senón que se dilatan durante anos de moito traballo ata que emerxe o resultado final.

 

Un exemplo desta planificación a medio e longo prazo é a habilitación da zona da Baiuca como espazo de servizos públicos, onde recentemente comezaron as obras de construción do que será o novo centro de saúde, e tamén o novo curso escolar da escola infantil da Galiña Azul. Unha andadura que comezou hai 7 anos coa recuperación dos terreos do campo de fútbol onde agora se levantan ambas estruturas, e que nun futuro podería albergar unha residencia para os nosos maiores,  aventurou o rexedor local.

 

Só a cesión dos terreos ao Sergas para levantar o centro de saúde supuxo oito meses de traballo, aclarou, pero dende que se recuperou o terreo ata que estea acabado, para finais de 2019, haberán pasado oito anos, polo que transformar un pobo non é doado.

 

Ademais, non todo xira en torno ás grandes obras. Todos os días hai que solucionar problemas que xorden no día a día da veciñanza e aos que hai que dar solución sen desatender ningún dos proxectos.

 

Fixando a continuación a mirada no nivel de infraestruturas coas que conta a vila, López explicou que hoxe son os outros os que miran cara a Estrada con envexa, a un municipio que se converteu na capital galega de xestión das emerxencias, onde se radican a Academia Galega de Seguridade e o centro AXEGA, centralizando os servizos nun complexo que reúne a cerca de 400 traballadores; con instalacións deportivas de primeiro nivel onde se practican arredor de corenta disciplinas.

 

Tampouco se poden esquecer os servizos municipais, como o de recollida do lixo, no que se investiron máis de 800.000 euros entre a adquisición de camións, contedores e as estruturas que fixan estes instaladas no rural. Aínda que quedan pendentes a renovación do servizo de recollida selectiva e a do punto limpo.

 

A continuación, e en termos económicos, esclareceu que o Concello pechará o ano con remanentes por valor de arredor do millón de euros. Un resultado máis que óptimo, segundo afirmou, se se ten en conta que o departamento de Intervención está pechando a contabilidade con todas as facturas pagadas e ao día e que se están executando as actuacións previstas e, con elas, os fondos concedidos.

 

Cómpre citar tamén que este goberno estivo manexando anos atrás presupostos cifrados en arredor dos doce millóns de euros, pero que este ano superaron os 22 millóns a base de conseguir acordos de cooperación con outros organismos. Unha suba nos orzamentos que se inverten no concello e que repercute directamente na calidade de vida dos veciños.

 

López situou en 2013 o punto de inflexión no que na Estrada comezou a crer en si mesma e a partir do cal se ven dando unha transformación enfocada a mellorar a calidade de vida dos seus cidadáns. O paso dunha etapa con máis de 2.300 persoas desempregadas, con máis de 500 parados respecto a outros municipios de poboación e tamaño similar, a pasar a ter arredor de 1.500 actualmente.

 

A política non se reduce a aparecer cada catro anos para pedir o voto, é unha batalla do día a día, proseguiu López, que afirmou sentirse satisfeito e reconfortado por este ano, que supón un resumo e materialización de proxectos de anos pasados.

 

A Estrada ten agora un horizonte marcado para os próximos dez ou quince anos para os que deixamos proxectos sólidos e unha vila en mellor estado do que a encontramos, sinalou, cunha estrutura solvente e proxectos de futuro como o do centro de día; un proxecto posto en marcha por este equipo de goberno, o primeiro que se preocupou polo benestar das persoas maiores e de que as familias podan desfrutar dun respiro familiar.

 

Outra cuestión que require de atención no futuro inmediato é a construción dunha autovía que nos conecte con Santiago, non xa orientada a un aforro de tempos, senón cara a vertebrar unha infraestrutura estratéxica, coma o supón a chegada do AVE para Galicia e situar A Estrada no marco xeográfico a nivel competitivo.

 

Hai tamén ameazas coma o envellecemento poboacional, que hai que tratar de paliar e combater a base de políticas que favorezan que á xente lle resulte atractiva a idea de mudarse ao rural e tamén dotando o territorio das infraestruturas e servizos que favorezan esa premisa.

 

Para rematar, o alcalde insistiu en que é preciso seguir na liña de desenvolvemento trazada, seguir traballando con intensidade e sen perder de vista o que xa se leva feito e seguir a folla de ruta marcada prestando atención ás necesidades da poboación dunha vila que non deixa de transformarse.

 

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1