O Concello reparte 2000 bolsas con citas de García Barros e ilustracións aos libreiros estradenses

12 Decembro 2018

O Concello da Estrada repartiu hoxe 2000 bolsas con citas sacadas da obra de García Barros e ilustracións de Rosa Herraiz aos libreiros locais para distribuílas aos clientes durante a campaña de Nadal. Esta iniciativa está enmarcada dentro das actividades programadas en conmemoración do trixésimo aniversario do Premio de novela Manuel García Barros.

 

bolsasTrala presentación, o alcalde da localidade, José López Campos, agradeceu ao biógrafo do autor, Carlos Loureiro, ás librarías e á ilustradora Rosa Herraiz a súa implicación co proxecto, do que afirmou que foi unha iniciativa ben pensada, coincidindo coas datas do Nadal para a conmemoración dun dos premios de novela máis importantes de Galicia.

 

López aproveitou a ocasión para felicitar e recordar ademais a aquelas persoas que crearon 30 anos atrás este premio literario e o souberon manter vivo ata converterse no referente que é actualmente dentro dos grandes concursos literarios da comunidade e, finalmente convidou á veciñanza a unir esforzos pola cultura e a implicarse coa cultura e historia do seu pobo.

 

Rosa Herraiz, pola súa banda, agradeceu a oportunidade á hora de contar con ela para esta iniciativa, nun proxecto referente a unha figura tan destacada do panorama autonómico como o é García Barros e puxo de manifesto a dificultade que entrañou ter que representar conceptos duros e abstractos como a pobreza ou a lingua galega. As tres citas elixidas para cada un dos tres deseños das bolsas foron: “Sempre loitando e loitando sempre”, “Nunha terra escrava non pode haber máis que escravos” e “A pobreza está nos miolos de quen fala da pobreza do galego”. Unhas frases que non eran doadas de representar graficamente, rematou a ilustradora.

 

Seguidamente Loureiro explicou que no proceso de selección barallaron cinco ou seis citas recollidas da obra do autor coas que se pretendía recoller a maneira de ser e o pensamento deste, ademais de prestarse para o debuxo, das cales saíron as elixidas. Loitar sempre, pero loitar coa palabra foi algo que concordaba coa forma de pensar e de vivir do escritor, explicou.

 

Pola súa parte, os libreiros agradeceron ao Concello a posta en marcha da iniciativa e que se os incluíra neste proceso de difusión cultural. Trala intervención de todos os asistentes, López lembrou á veciñanza que o Nadal representa unha boa oportunidade para regalar libros, tanto aos cativos e á xuventude como aos adultos, para fomentar a sa costume de ler e manter unha industria que precisa da axuda dos cidadáns.

 

 

 

  Concello da Estrada
Praza do Concello s/n
36680 A Estrada - Pontevedra
Telf: 986570165
info@aestrada.gal
- Política de privacidad
- Aviso legal
Conforme con:
HTML5 | CSS 3.0
face1
twitter1
inst1
youtub1